"Sería un soño cumprido poder cantar con Los Satélites nos Vilares e levar os meus avós"

Arantxa Álvarez: "Esta profesión, sobre todo para as mulleres, ten data de caducidade"

A vilarega Arantxa Álvarez, vocalista da orquestra Los Satélites dende 2013, participará mañá por segundo ano na entrega da distinción de Trapeira de Honra, neste caso a unha veciña centenaria da súa parroquia. O acto, protagonizado polas mulleres, terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz ás 20.00 horas
Arantxa Álvarez, nunha actuación
photo_camera Arantxa Álvarez, nunha actuación

Arantxa Álvarez estuda música dende os nove anos e leva dez no mundo das verbenas, a onde chegou da man da orquestra Alianza, primeiro tocando e logo como vocalista. Tras pasar por Manhattan, Diamante e Juan Mallo, chegou a Los Satélites, cos que actuará o 28 na discoteca Pazos (Laracha), un día despois de estar en Guitiriz na entrega do Trapeira de Honra. A vilarega séntese «unha privilexiada» por poder vivir do que a apaixona, mais incide en que a súa é unha profesión «de perseverancia e sacrificio».

O premio Trapeira de Honra homenaxea a unha centenaria dos Vilares, Asunción dos Ares, que lle parece este acto no que se recoñece xente anónima?

Creo que este é o verdadeiro recoñecemento ao espectáculo, nunca mellor dito, da vida real, ás persoas anónimas e valentes, admirables polo seu tesón, polo valor de sobrevivir ás adversidades, pola perseverancia de camiñar cara a diante e de superar obstáculos. Aínda que nunca estiveron enriba dun escenario, brillan pola súa ousadía. Estas xentes si que deberían ser os nosos ídolos, son verdadeiros exemplos.

Será un acto de mulleres, moitas do mundo da música. Hai que reivindicar o rol feminino no sector?

Claro que si. Aínda que os tempos cambiaron, segue habendo unha maior representación do bando masculino. Seguramente a condición histórica aínda nos afecte hoxe polo papel que desempeñou a muller, pero creo que, non por ser menos, a representación feminina é menos importante.

As persoas coma Asunción deberían ser os nosos ídolos, son verdadeiros exemplos 

Traballa nunha orquestra rodeada de homes, como se leva?

Lévase (ri). Son xa dez anos nas verbenas e acabas converténdote nunha alta porcentaxe en ‘home’. Rematas tendo certa visión masculina. Eu síntome ben no medio deles, pero recoñezo que hai que ter aguante e capacidade de adaptación. Unha vez que os comprendes e desenvolves a ‘bendita paciencia’ é máis doado. E agora eles dirán: «Mulleres…» Fóra bromas, non é malo mimetizarse en certos aspectos, ás veces sérveme de axuda porque quizais son máis sinxelos no xeito de ver as cousas, e eu daríalles máis voltas. Lévome de marabilla con todos, tamén cos que coincidín noutras formacións, e non creo que sexa cuestión de sexos levalo ben ou mal.

Los Satélites é unha das orquestras históricas, recoñecida varias veces coma a mellor de Galicia, como se asume esa responsabilidade?

É un galón que impón defender, pero creo que calquera, sexa o sitio que sexa, debe de esixirse o máximo e o mellor de si mesmo. Los Satélites para min é sinónimo de esforzo, de traballo, de calidade, seriedade e respecto. Supón moita responsabilidade plantarse nun escenario e defender un repertorio, conectar cos teus compañeiros e co público, e máis cando detrás aparece rotulado o nome dunha grande e histórica formación como é Los Satélites da Coruña.

O verán é o periodo de éxtase, de festa en festa, con moi pouquiños días de descanso

Como lembra a súa entrada?

Sempre foi o meu referente a seguir e parecía incrible poder chegar ata aquí, onde sempre quixen estar. Recordo a ledicia, a ilusión e as ganas e tamén os nervios e a responsabilidade por asumir o rol de única vocalista feminina da orquestra e defendelo co maior respecto e profesionalidade posible.

No verán non paran. O resto do ano como se organizan? Cando tocan as vacacións?

O verán é o periodo de éxtase, de festa en festa, con moi pouquiños días de descanso. No outono e no inverno imos, sobre todo, a salas de festas, discotecas, restaurantes... É aquí cando temos máis tempo para escoller o novo repertorio e montamos cousiñas novas de cara á tempada forte. As ansiadas vacacións chegan a partir da segunda quincena de novembro e saben a pouco. Este ritmo de vida é duro, cámbiache os horarios e as rutinas dunha vida ‘normal e diurna’, cando os demais descansan festivos e vacacións ti tes que traballar. Non é doado, aínda que dende fóra non se aprecie ou a xente non se pare a pensalo.

Entre verbena e verbena, hai tempo de descubrir onde se actúa?

Ás veces si, aínda que temos moi pouquiño tempo entre que se chega e se prepara todo. Hai sitios preciosos, dignos de coñecer e quedas coa rabia de non ter o tempo que che gustaría para desfrutar deles e das súas xentes, porque a cultura e o xeito de vida varían, e moito, dun lugar a outro. Nese aspecto, esta profesión é moi interesante.

Terán ducias de anécdotas, algunha que recorde especialmente?

Poderiamos escribir un libro! Lémbrome dunha coa orquestra Manhattan, estabamos cantando coa xente e ao achegarlle o micrófono a un rapaz recibín o piropo máis bonito e orixinal que me dedicaron nunca. Literalmente díxome: «Eses si que son ollos e non os das patacas». Pensei escachar coa risa, e non só eu, tamén os compañeiros. Hai veces que me costa cantar, porque a risa é o meu peor inimigo no escenario, empezo e non podo parar. E ese foi un deses días.

Los Satélites sempre foi o meu referente a seguir e parecíame incrible chegar ata aquí, onde sempre quixen estar

Que lle parece o fenómeno fan que están a vivir as orquestras?

Fantástico e en certo xeito necesario, sempre que non se leve a límites insospeitados. É reconfortante saber que o teu traballo é respectado e admirado. Eu non son de redes sociais, pero recoñezo que dá gusto que a xente se achegue, te saude e se preocupe pola túa persoa e polo teu labor. Rematas tendo un círculo de persoas e xa non concibes as festas sen elas. É un chute de enerxía ver aparecer esta xente que fai quilómetros por desfrutar un anaquiño do noso traballo e que ademais che regala a súa mellor versión.

O mellor e o peor das orquestras?

O mellor é gozar facendo o que che gusta e alegrarlle a vida á xente co que a ti te apaixona, porque acoden ás festas para pasalo ben e desconectar. O mellor é sentirte ben co que fas e lograr debuxar un sorriso. O peor é o tempo de dedicación e os sacrificios persoais.

Dise que é un oficio duro. Vese nun futuro lonxano nesta profesión?

Non, para que nos imos enganar? Esta profesión, e sobre todo para a figura feminina, ten a súa data de caducidade. Ás mulleres esíxesenos cada vez máis rendemento físico que vocal, aínda que non é o meu caso de momento. Non se sabe a onde pode chegar isto, así que procuro facer outras cousiñas que o día de mañá me permitan baixarme do escenario e ter a que dedicarme. É necesario.

Comentarios