Aprendizaxe, liberdade e convivencia no Agrogay

A vangarda adoita ir por un sentido e a tradición por outro ► Tal vez nalgún cruce de camiños coincidan e se entendan ► Uníronse este sábado en Monterroso

AS BANDEIRAS do Arco da Vella divírtense coa brisa estival e cálido é tamén o ambiente dos centos de mozos e mozas que se saúdan ás portas do recinto. Tras a sesión colectiva de ioga, a música vai en crescendo e contamina un entorno plagado de ‘food trucks’ para ‘veggies’, cervexa artesanal e amantes dos produtos eco. Poderíamos establecer semellanzas, mais isto non é Brighton ou Orgullo Gay de Madrid. Estamos no rural. Na Granxa Maruxa, en Monterroso. Donas e cabaleiros: isto é o Agrogay. 

Si os festivais se poden definir como ‘riquiños’, este leva a palma. Á marxe das actividades, só hai que darse unha volta pola facenda para descubrir pequenos detalles subversivos que destacan nun contexto tan folclórico coma rústico. "Mamá, mira as paredes da granxa!", alucina un meniño. Un asombro que non é para menos: o ‘animal print’ decora os muros onde en ocasións descansan as vacas. Ah, por certo: unha das bovinas ostenta o título de afillada de Alaska. 

Bailes, contacontos, mercado. Prácidas charlas á sombra dos carballos, sentados en pacas. Hai quen lee tumbada na herba. Quen degusta porco celta nas mesas de roble, sobre as que descansan xarróns de cristal con flores blancas e salvaxes. Quen non para de tirar fotos para que o mundo vexa as bandeiriñas da verbena da liberación sexual no agro.

Maricarme (61 anos) e Irene (85): "Viñemos vender queixos e pasalo ben (...) cada un que faga o que queira, é libre e dono da súa vida"

Marta é a propietaria da Granxa Maruxa e comercializa produtos lácteos ecolóxicos e de primeira calidade. Tamén é unha das activistas do colectivo Agrogay que organiza o evento. "En principio, no rural, acéptase bastante ben ao colectivo homosexual, pero sempre hai algún reticente", explica. 

Non obstante, respecto á posta en marcha do festival, Marta sorrí: "Foi incrible como o aceptaron os veciños, posto que nun principio, o que perseguiamos era a integración en Monterroso. Os hostaleiros, emocionados algúns, chamáronnos para formar parte do Agrogay". 

Maricarme (61 anos) e Irene (85), veciñas de Palas de Rei, pasean, enganchetadas, mentres observan tocar as pandeiretas e como se improvisa un espectáculo de baile tradicional. "Viñemos vender queixos e pasalo ben", di unha das mulleres, quen engade que "cada un que faga o que queira, é libre e dono da súa vida". 

Á festa son benvidos parroquiáns e foráneos de toda clase e condición. A terceira edición do festival destaca por unha maior afluencia con marcado acento internacional: desde Brasil a Arxentina, Portugal e Alemaña. "É moi importante que se fagan este tipo de iniciativas, porque ata agora limitábanse as cidades", explica Carlos, portugués, mentras descubre a exposición fotográfica ‘Vacas urbanas’. A súa opinión concorda coa de Arantxa, natural de Vigo, quen comenta que "es un día mágico y precioso". "Es admirable lo que se hace aquí en todos los sentidos. Aprendizaje, normalización, convivencia y aceptación de la libertad", añade.

O festival Agrogay é moito máis que a normalización das tendencias sexuais no ámbito rural. Trátase de amor. De respeto, tolerancia e apertura.

VAXINA VEXETAL. A liberdade tamén se palpa na posta en escea do lugar. A beleza da carballeira marinaba á perfección coas cores festivas, a palla, pinturas, libros a esgalla, postos artesanais, canciños de palleiro sin colar correndo polo campo, cheiros silvestres e catro xeneracións de entendemento. Nesa atmosfera destacaba unha enorme estrutura artística cun letreiro: ‘Entra por onde saíches’. "¿Pero que é iso?", preguntábanse os asistentes –aínda intuíndo a suxerente forma da escultura–. Pois é unha macro vaxina vexetal, elaborada a base de ramas arbóreas, que asemellaban unha pequena cova. A metáfora que se esconde detrás, representada pola peza artísica, indica o lugar do que provimos, o ventre das nosas nais. 

A razón é que nesta ocasión o festival Agrogay adicouse "á figura da muller, especialmente á do ámbito rural", declarou Braulio Vilariño, un dos organizadores do colectivo. 

DIVERSIÓN. O bo humor tamén foi un dos protagonistas. Ao pé dunha palleira atopamos unha estrutura con portas. O letreiro explicativo indica: ‘Para entrar tes que saír’, referíndose con humor ao feito de saír do armario, algo que pode custar a algunhas persoas. 

Se algún festivaleiro ten dificultades para ligar, que non se preocupe. No Agrogay, bótanche un cable. Cómo? Pois moi sinxelo. Soamente hai que prender na camisa unha das chapiñas que entrega a organización, ilustrada cun sacho sobre unha bandeira gay. Que colocas a chapiña co sacho para arriba? Significa que estás libre para coñecer a alguén. Que o levas para abaixo? Que mágoa, estás ‘ocupado’. 

O festival Agrogay é moito máis que a normalización das tendencias sexuais no ámbito rural. Trátase de amor. De respeto, tolerancia e apertura. Convivencia e intercambio cultural. Da defensa do noso e por propio enténdase a terra, a tradición, a orixe, a natureza e a vida. 

Normalmente, a vangarda e a tradición van por vieiros que son moi diferentes. Tal vez, se atopen nalgún cruce de camiños, coincidan e se entendan. E, se se atopan nalgún punto, ese punto é, sen dúbida, o Agrogay.

Comentarios