Apenas unha guinda

HABÍA xa ben tempo que non acudiamos a un acto literario. ‘stricto senso’. Pero o feito de que a un xoven escritor lle concederan un galardón, levounos á fermosa cidade mindoniense, quizais suspendida no tempo e na historia e poida que a veces levitando, ainda que sempre tan atractiva e fermosa. O caso é que todo foi moderadamente ben, desde todos os pontos de vista e que se sobrou unha guinda de tipo político, só é imputable ao mal gosto e non a outra cousa. Por boca dun alto responsable dunha institución provincial tivemos oportunidade de acceder ao coñecimento de que, salvo neste noso país, en nengún do mundo se dedican as institucións á promoción de premios literarios. Non hai como advir a novos coñecimentos, e máis ainda se non están copiados das enciclopedias dixitais, ou sexa que teñen a sua orixe no propio, orixinal e, afortunadamente intransferible, caletre.

Pero tan sorprendidos polo contido quedamos pasmados do continente. Até o ponto de que, logo de evaluar varias consultas, case estamos en condicións de asegurar que se trata dun novo estilo discursivo, ainda que sería unha ousadía pola nosa parte identificar con precisión a fonte orixinal de tan singular técnica. Unicamente podemos acreditar que é xa norma común e uso habitual dunha mesma confraría, e que resulta tanto ou máis identificador que determinados autocolantes nas popas dos turismos. Desvelemos a patente. Consiste esta en repetir, ás veces máis dunha vez, unha das frases do discurso, por mais que sexan estas absolutamente ocas ou puras simplezas tópicas. Quizais a sua orixe resposte á procura da eufonía, pero o resultado é absolutamente patético. Poñamos por caso: «É unha desgraza que sexa este o único país onde as institucións convocan concursos...». Logo repítese: «É unha desgraza que...». Ocorre que o seguinte período dótase de idéntico recurso retórico e asi ‘ad eternum’. Abraiante.

Nunha primeira aproximación pensamos que poderia tratarse dunha pegada directamente inspirada nas sinais de socorro marítimo, xa que o ‘may day’ repítese tres veces, e outras tantas o nome do buque con problemas. É plausible, dados os enxoitos tempos que vivimos. Con todo, quizais haxa que procurar a orixe no estudo comparado de outros dos riscos estilísticos de certos parlamentos e algúns parladores. Aqueles que durante moitos anos cultivaban con fruición a substitución do ‘e’ copulativo polo fonema ‘i’. Por exemplo a frase «el e ela» pasaba a ser «el i ela» como se os perpetradores fosen orixinarios do occidente de Asturias, en cuxa variedade lingüística é habitual. O malo é que do ponto de vista do idioma, é tanto como pronunciar ‘formacia’ ou ‘samáfaro’, e xa non digamos o sonado e monstruoso ‘televexo’, que creou en tempos antigos un reputado científico, ou o academicamente desterrado ‘a lo menos’ que, ainda cultiva, inopinadamente, a Televisión de Galiza.

Comentarios