sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Apátrida

"Patria é unha mala novela levada ao cumio por estar de acordo coa liña de pensamento dominante no 'stablishment' cultural español"

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

NA HISTORIA española semella haber un oco no lugar onde debía estar o capítulo de Eta. O terrorismo vasco e a actuación do Estado español a partir de 1978 son un tabú, algo do que non se permite ao intelectual separarse un pé do discurso oficial baixo pena de exclusión ou mesmo calabozo. Endgame for Eta, obra de enorme interese de Teresa Whitfield, permanece por exemplo sen tradución, supoño que por cometer o pecado de recoñecer a existencia dun conflito e a tarefa de Zapatero.

E xa sabemos que en moitas ocasións a novela enche o baleiro do discurso histórico e é quen de crear unha imaxe que axude a vernos como desexamos. Se a iso engadimos o particular funcionamento do mercado editorial español atopamos as razóns do éxito de Patria de Fernando Aramburu. O libro vendeu centos de milleiros de exemplares, recibiu as mellores recensións en prensa e rematou por gañar o Premio da Crítica.

Ao mellor chegaron vostedes ata este punto agardando un comentario amábel. Se é así, non sigan: de seguro os demais taboeiros non desafiarán esta vez tanto coma min o discurso establecido. Patria é unha mala novela levada ao cumio por estar de acordo coa liña de pensamento dominante no stablishment cultural español. E denantes de que alguén me denuncie por apoloxía direi que o feito de ser unha mala narración pouco ten que ver coa tese ideolóxica do narrado. Santuario de Faulkner, por dicir, conta uns feitos arrepiantes e ninguén nega a súa condición de peza mestra da novela.

Para a construción da súa novela, opta Aramburu por unha técnica propia da novela contemporánea como a dislocación temporal. Nas primeiras liñas de cada capítulo —hai 125—, dun xeito bastante basto, déixanse as pistas precisas para que o lector poida identificar dunha ollada o personaxe protagonista e o punto do arco temporal no que se desenvolve a acción concreta. Este esquelete é o máis salientábel pero perde forza por esa necesidade de facerlle un aceno ao lector típico de bestseller para que siga a acción. 

Moito peor funcionan os personaxes. Eu aínda non descubrín mellor distinción cá feita por E.M. Forster en 1927 entre personaxes redondos e planos. Nas mellores novelas os principais personaxes son adoito redondos, aínda que hai grandes caracteres planos na historia da novela. O problema do personaxe plano é que na súa construción pode o autor caer con facilidade no estereotipo e rematar elaborando unha máscara que non pode evolucionar e ningún lector serio agarda que o faga. Precisamente iso ocorre en Patria. Os abertzales berran consignas, levan pendente e carecen de toda sutileza ideolóxica —coma se o tradutor de Wittgenstein ao eúscaro non fose Txelis—; as vítimas son un modelo de dignidade e os seus vicios, que os teñen, son privados e —por inferencia— consecuencia do trauma do atentado. 

Este defecto vese aumentado coa maior eiva da obra: a inexistencia dunha lingua literaria digna de tal nome. A meirande parte dos personaxes falan igual —sorprenden moitas expresións formais das dúas matriarcas que polarizan a novela— e cando algún se afasta desa linguaxe resulta artificial. A isto hai que sumar a falla de pericia do autor no uso da corrente de conciencia e un costume que, por desgraza, incorporou Javier Marías á literatura española do XXI: o uso de construcións sintácticas cuxa orde é máis propia doutros idiomas ca do español. 

Por sorte, o que o mercado dá, o mercado o quita. Dentro de seis meses aparecerá a seguinte gran novela, a obra que non podes deixar de ler, a que vai cambiar a túa vida, a que se vai estudar nas escolas, institutos e universidades (que si, Javi, que esta si que vai durar) e Aramburu quedará nun recuncho, agardando a que o leamos dentro de vinte anos e pescudemos se pagou a pena.

Apátrida
Comentarios