Achan restos humanos que poderían ser dun home desaparecido en Castro de Rei no ano 2011

Un grupo de cazadores atopou prendas de roupa, unhas gafas de pasta e unhas zocas de goma nun lugar próximo á casa de José Torres Lodeiro ► A Garda Civil ten acordoada a zona
Dispositivo de búsqueda organizado en 2011, tras a desaparición do octoxenario José Torres
photo_camera Dispositivo de búsqueda organizado en 2011, tras a desaparición do octoxenario José Torres

Un grupo de cazadores atopou este domingo pola tarde en Orizón, no municipio de Castro de Rei, uns restos óseos que sospeitan que poderían ser de José Torres Lodeiro, un veciño de 89 anos desta parroquia que desapareceu hai seis anos, concretamente o 7 de xaneiro de 2011, e ao que durante moitas semanas estiveron buscando decenas de persoas. 

Os cazadores, xente da zona que frecuenta este lugar nas súas batidas de forma habitual, sorprendéronse ao ver roupa tirada
nunha gabia apartada, que separa un pinar dun pastizal, e cando se achegaron máis percatáronse de que poderían ser restos dunha persoa porque puideron identificar unhas gafas de pasta, unhas zocas de goma e unha camisa, entre outras prendas. 

Nun primeiro momento, e tras ver as gafas de pasta, moi identificativas do octoxenario desaparecido hai seis anos en Orizón, e ante a case certeza de que o seu descubrimento tiñan que ser os seus restos, decidiron avisar á Garda Civil, que trasladou a unha patrulla á zona. A Garda Civil acordonou o lugar onde se atoparon os restos, que está moi próximo á casa onde vivía o octoxenario desaparecido, e púxose en coñecemento da familia o descubrimento dos cazadores, que deron o aviso pasadas as 17.00 horas. 

Membros da familia do desaparecido, que actualmente xa non residen en Orizón, desprazáronse a Castro de Rei este domingo pola tarde para identifcar as pertenzas atopadas no fondo dun pinar próximo á casa. 

O obxectivo principal é afondar na procura de novos restos este luns

Segundo algunhas fontes, e á espera do que determinen as probas de identificación forense e de xenética dos restos atopados ata agora –practicamento só había ósos despois de tanto tempo– tódolos indicios apuntan a que se trata de José Torres Lodeiro. 

Algún veciño da zona, ademais, confirmou este domingo a última hora da tarde que a propia filla do desaparecido, tras trasladarse a Castro de Rei despois de recibir a noticia, identificou as pertenzas do seu pai, en concreto as gafas de pasta que, din, "eran inconfundibles". 

A Garda Civil, tras realizar as primeiras investigacións sobre o terreo, decidiu manter acordoada toda a zona e vixiada durante toda a noite –unha patrulla permaneceu no camiño que dá acceso ao pinar dende que se deu o aviso de que apareceran os restos pola tarde– para evitar que alguén se poida achegar. 

O obxectivo principal é afondar na procura de novos restos este luns dende primeira hora da mañá, cando a luz do día favoreza os labores de rastrexo. Está previsto desbrozar e limpar a gabia na que se atoparon os restos onte para poder buscar mellor. 

O descubrimento realizado polos cazadores onte pola tarde en Orizón deixou os veciños desconcertados e cheos de sorpresa. Despois de tanto tempo xa non esperaban atopar ao octoxenario desaparecido e menos, segundo apuntaron algunhas fontes, nun lugar tan próximo á casa onde residía, pois a contorna revisouse a fondo nas reiteradas batidas que se organizaron na súa procura cando desapareceu.

O drama dos desaparecidos está moi presente estes días na comarca, onde falta dende o 16 de xaneiro Oliva López Tella

BÚSQUEDA INFRUCTOSA. José Torres Lodeiro, de 89 anos de idade e oriundo de Orizón, desapareceu en xaneiro de 2011 da súa casa. Natural de Casa do Carpinteiro, do barrio de Quintela, era un veciño moi coñecido no municipio de Castro de Rei, onde exerceu como carpinteiro e albanel. 

Os labores de busca do desaparecido prolongáronse durante semanas, dende que a súa filla, Inés Torres García, deu a voz de alarma tras darse conta de que o seu pai faltaba da casa dende a noite anterior. Vivía nunha vivenda aledaña á casa na que ela residía entón. Naquel momento, asegurou non entender o sucedido, porque aínda que pola idade o seu pai estaba empezando a desorientarse, sempre volvía para a casa. 

Nos labores para atopalo, participaron decenas de veciños que conformaron grupos de rastrexo, apoiados por efectivos de Protección Civil e da Garda Civil. Incluso se usaron cans de rastrexo chegados de Asturias e Ferrol, pero tampouco se descubriu nada naquel momento sobre o paradoiro do octoxenario. 

O drama dos desaparecidos está moi presente estes días na comarca, onde falta dende o 16 de xaneiro Oliva López Tella, unha veciña de Meira de 85 anos. A procura desta veciña de Murias aínda continúa, pero as esperanzas de atopala con vida son poucas.

Comentarios