'Aos dados sortearon a túnica'

A ESCEA É coñecida, a morte de Xesús de Nazareth. Uns soldados de garda e tres homes colgando das cruces. Ocurríu hai uns dous mil anos cando a crucifixión era condena común entre os romanos, unha morte lenta, arrepiante e pública. A miúdo deshonrábase o corpo mutilado do condenado.

Alí colgan, ata morrer estes pobres homes. Os soldados repartiron as roupas de Xesús e aos dados sortearon a túnica para ver que levaba cadaquén (Mat. 27, 35-36), conta un dos biógrafos deste home xusto.

Hoxe volve outra vez a historia terrible dos crucificados por esta crise que semella non ter fin. Sábese que empezou a finais do 2007 pero ignoramos se algún día rematará ou cronificarase para a maioría inocente. Daquela había dous ladróns colgados aos lados de Xesús, hoxe todos os crucificados son os non culpables da crise.

Axustizados polo paro, coas pensións recortadas, crucificados sen casa, con recortes brutais nas axudas á dependencia e ao desenvolvemento. O último ataque á benemérita sanidade pública española, sen dúbida a mellor do mundo, é esa cousa diabólica das unidades de xestión clínica, outro intento máis de desregulación e privatización do sistema sanitario para fragmentalo en múltiples empresas, nas que entraría o capital privado e grupos empresariais. O epicentro xa non son os enfermos senón os beneficios.

As vestiduras da xustiza gratuíta, da educación que permitía polo menos soñar coa utopía da igualdade, están a ser repartidas nas mans cobizosas do negocio privado. Trocéase a túnica inconsútil do estado do benestar que acubillaba aos desprotexidos. A túnica da cultura que por fin se facía democrática, cun 80% de oferta pública e gratuíta, está a ser sorteada e esmorece. Conta José Antonio Abreu, xenial creador do Sistema Nacional de Orquestras Sinfónicas Xuvenís e Infantís de Venezuela que arrincaron da rúa, das drogas, da violencia e da morte a miles de rapaces, que nun principio a música foi asunto de minorías para minorías, despois de minorías para maiorías e que algún día, cando a cultura se democratizara, a música debería ser de maiorías para maiorías. Porque a música é imprescindible, un milagre de beleza, intelixencia e disciplina, que nos fai mellores. Aquí semella que queremos que volva outra vez a incultura e a burremia que ao longo de séculos colocounos na cola de Europa.

Todo iso está a ser crucificado. Estes días a cruz ten a forma de aramios de concertinas que cortan a carne dos desesperados no valado que separa Europa de África. No calvario actual hai unha xigantesca cruz central onde colga a sociedade dos inocentes. Faltan as cruces dos ladróns. E abaixo, protexidos polo matonismo do credo neoliberal, os mercados reparten as vestiduras e aos dados sortean a túnica do estado social.

Comentarios