Ao turisteo tamén lle presta navegar

As iniciativas particulares de converter en negocio os paseos dos turistas de interior polas rías mariñanas ganan adeptos. Os dous concellos máis extremos da comarca —O Vicedo á esquerda e Ribadeo á dereita— ofrecen estas singulares viaxes. Madrileños e lucenses de terra adentro senten a chamada
O Madre Fuensanta, que atraca no Vicedo
photo_camera O Madre Fuensanta, que atraca no Vicedo

QUEN NON recorda o iate Garoa que navegaba sen temor pola costa da Mariña cargado de decenas de pasaxeiros ata hai uns anos? O turismo marítimo chama a atención dos guiris máis intrépidos e con alma de capitáns e capitanas, patróns e patroas, pero... tamén dispostos a facer o traballo de mariñeiros e mariñeiras?

A nova moda na costa lucense é o aluguer de embarcacións máis pequenas que o devandito iate pero que, sen embargo, ofertan outras comodidades. A posibilidade de navegar coa agradable e simple compaña dos achegados, de pasar unha mañá enteira pescando baixo a dirección dun coñecedor das mareas e faenas ou de poder dirixir un mesmo o rumbo do paseo son algúns dos aspectos máis positivos destas iniciativas.

O VICEDO. Disto saben ben Francisco Fernández Catá e Fuensanta Chao Alonso, propietarios da Bodeguita del Puerto, no Vicedo, e que neste ano se aventuraron nun novo negocio. "Somos xente relacionada co mar e cando nos xurdiu esta idea e lla comentabamos aos clientes, gustaba", admite Francisco. A partir de aí, e aproveitando a herdanza estaleira que o acompaña e os estudos en enxeñaría que cursou, dispuxo do proxecto para construír unha nova embarcación coa fin de pasear aos visitantes: "O Madre Fuensanta construíuse en Cedeira e ten nove metros de longo por tres de manga; botámolo no maio pasado e dende entón xa pasou moita xente por el", di.

A embarcación traballa por encargos e o mesmo sae a pasear que a pescar. "Ofrecemos a posibilidade de ir dar unha volta, a 20 euros por pasaxeiro cun máximo de 10, ou de gozar dunha mañá ou dunha tarde de pesca, a 120 euros a xornada", detalla.

Francisco admite que os visitantes que máis se achegan a probar a experiencia son de procedencia madrileña, asturiana e vasca, ademais de lucenses do interior: "unha das opcións que máis gusta é a da xornada de pesca —dunha duración de catro horas— e posterior comida ou cea. É algo que damos nós a maiores, cociñamos o peixe que pescaron no noso restaurante e servímosllelo; sempre é moi agradecido poder degustar o froito do teu traballo directamente". Un verdel ou unha lubina despois dunha xornada de traballo... a ver quen o despreza!

Os paseos, que discorren desde o porto vicedense bordeando por estribor a costa e pasando por diante das praias de Caolín e de Xilloi, adéntrase despois para rodear a illa Coelleira. "É un dos puntos que máis gusta aos visitantes, que incluso me piden que lles deixe dar unha volta polo islote, pero non o permito porque cando sobe ou baixa a marea é difícil volver á embarcación", comenta Francisco. Logo de facer o xiro á Coelleira e de contar a súa historia, o Madre Fuensanta enfoca ata o cabo de Bares, para pasar por Videla e pola Punta do Santo ata o porto.

Francisco Fernández non quere botar unha conta xusta pero calcula que unhas 40 ou 50 viaxes si que as fixo co Madre Fuensanta este verán. "O auxe do banco de Loiba e do Fuciño do Porco trouxeron moito turista ao Vicedo. Nós tampouco pararemos en inverno, sabemos que as condicións climáticas son peores pero traballaremos cando se poida", remata o empresario. A súa idea é, o verán próximo, mercar dúas embarcacións para que os propios turistas poidan dirixir o rumbo da súa viaxe. O aluguer vai, nunca mellor dito, a toda vela.

RIBADEO. A empresa ribadense A Flote tamén vende a aventura de navegar pola ría do Eo, coa novidade de que as súas embarcacións xa poden ser conducidas polos propios arrendadores. "Fuimos los pioneros en alquiler de paseos en grupos pequeños en A Mariña, pues ya en 2011 comenzamos con esto", subliña Pedro Lázaro, propietario da empresa.

"Primero salgo con ellos y les explico cómo funciona y cómo deben actuar según el estado de la ría", comenta Lázaro. Os visitantes empregan as horas coa lancha para baixar polo Eo "hasta Vegadeo o Castropol, o incluso hacer su propia playa en los bancos de arena que se generan en la ría con la marea baja", sinala Lázaro.

Ademais dos citados negocios, na Mariña existen outros que permiten o aluguer de motos de auga, kaiaks ou táboas de paddle surf para coñecer un pouco máis a costa lucense.

Comentarios