Ao rico cefalópodo

O feiral ten este ano novamente catro casetas cos hostaleiros de sempre e sen bruxas polo medio

O POLBO é o prato estrela do San Froilán e o principal reclamo gastronómico para o público das casetas instaladas no feiral. Este ano, e logo de que Javier Irimia renunciase a continuar explotando as dúas casetas e caldeiros que se lle adxudicaron o ano pasado, o centro neurálxico do polbo nas festas pasa a estar xestionado novamente por Torre de Núñez, Manolo de Marce, La Palloza e Aurora.

Ana Núñez: "As casetas son máis que un restaurante"
Ana Núñez Ana Núñez, da caseta Torre de Núñez, afirma que "non existe rivalidade" entre os responsables das casetas: "Houbo varios anos que había cinco postos, e desde o ano pasado volvemos a ser catro. Cada un ten a súa propia clientela e para nós é un orgullo poder estar aquí", reivindica.

"Durante un mes representamos parte da gastronomía lucense, porque todo o que ten que ver co San Froilán pivota ao redor do polbo", engade. Para as comidas de grupos as casetas do pulpo son o referente no San Froilán, xa sexan reunións de empresas, funcionarios públicos, agrupacións de amigos, familias... "As casetas é donde moitas persoas realmente fan as súas comidas anuais, as súas reunións, celebracións de cumpreanos... Incluso aniversarios e xuntanzas do máis diverso".

Ao longo destes anos "a xente que vén doutras cidades non deixa de sorprenderse ao entrar nas casetas", engade. "Levamos máis dunha década nesto. Desde que están no bancal das costas do Parque". De feito foron os pioneiros en xestionar o servizo completo —e en introducir a cociña— eliminándose así o costume de pagar o polbo por un lado (aos pulpeiros), e a comida e a bebida por outro".

Considera que un mes é suficiente para que as casetas do polbo estén no Parque. "Gran parte da afluenza prodúcese precisamente ao saberse que so están un tempo. Se estivesen seis meses o público dispersaríase máis", indica. Aínda así cre sería boa idea deixar permanentemente unha caseta —ou as catro— no Parque, para usos diversos, como o desenvolvemento de xornadas e exaltacións gastronómicas. "Sempre e cando non se molestasen outros hostaleiros".

A filla de Manuel Núñez e Asunción Torres destaca que a día de hoxe e pola súa caseta de Torre de Núñez, e a día de hoxe, "pasou xente de todo tipo de profesións e gremios". Destaca o bo ambiente entre o persoal que traballa na caseta, pois en máis dunha ocasión "algún acabou en voda", di.

"Para a caseta sempre collemos persoal novo, e xa houbo máis dunha parella que se coñeceu alí e agora están casados e teñen fillos. Nun mes de traballo vívense moitas experiencias", comenta cun sorriso.

Entre as anécdotas, Núñez tamén destaca cando estivo o Orfeón de Sestao nunha cena. "Eran 90 persoas e a caseta estaba chea cando entraron. Ao sentarse empezaron a cantar, e eran unhas voces tan marabillosas que se fixo un total silencio. Os camareiros pararon en medio das ringleiras de mesas, cos pratos nas mans e sen facer o mínimo ruido, para escoitar aos do orfeón cantar. Foi rematar e... O aplauso foi totalmente apoteósico, dos centos de persoas que alí estaban ceando, pois ata lles fixeron a ola. Realmente foi un intre moi máxico", indica. Ana Núñez teno claro: "As casetas son música, divertimento... É compañerismo, disfrutar... Non son restaurantes, son outra cosa". Esta hostaleira considera que o San Froilán mantén a súa esencia, a tradición popular, grazas ao polbo. "Póñense mesas enteiras a cantar. Reúnense todas as xeracións de distintas familias... Están os avós, pais, fillos, adolescentes, cativos de seis anos, xente con carriños... Eso é o que mantén vivo as festas. O polbo é un nexo de unión, unha escusa para xuntarse. A xente aproveita o San Froilán para reencontrarse e tomar o polbo".

"Se non fose polo polbo o San Froilán pegaría un baixón do 80%, á parte da aportación económica que fan as casetas ás festas e á cidade", comenta. "A experiencia das casetas é moi satisfactorio e gratificante", comenta a hosteleira. "O ambiente festivo supera con creces ao traballo. É algo que hai que vivir. Para montar unha caseta é preciso ter os medios, estar moi organizado e ter unha infraestrutura. Pero é moi bonito. A xente está de festa e respírase o ambiente festivo día e noite. Ademais o público e moi paciente e agradecido", engade.

Ramiro López: "A xente de fóra queda impresionada"
Ramiro LópezRamiro López, de La Palloza, non estivo o ano pasado coa súa caseta no feiral, pero este ano regresa . "É unha hostalería distinta, un mundo distinto, bonito e apaixoante", comenta. "A xente de Lugo xa sabe xa o que son as casetas, pero cando vén alguén de fóra... É impresionante a imaxe das festas e da cidade que levan con eles. Moitos non dan crédito a que se poidan montar estas casetas para un mes", comenta. Como lucense e coma hostaleiro é algo: "que me enche de orgullo", di.

Para Ramiro López as festas son redondas cando o tempo axuda. "Houbo momentos difíciles, e agora semella que está a superarse a crise", explica. "Pero tamén houbo momentos moi bos e moi bonitos. Agora, engade, os beneficios vanse recortando "porque aos clientes tampouco lles podes cobrar máis do que lles hai que cobrar. A competencia está aí e hai que andar", acepta.

Este hostaleiro destaca que Lugo ten moitos atractivos: "Unha natureza pura, uns lucenses marabillosos e unha gastronomía baseada na calidade, e nunha cociña basicamente tradicional, que creo que é o futuro, o que hai que facer", afirma.

Á xente encántalle ir a xantar o polbo. "En boa parte polo ritual dos caldeiros, que estean á vista...". Moitas persoas fan fotos e preguntan, e tamén son moitas as que valoran moi positivamente a evolución destas instalacións desde que o campo da feira estaba na zona da estación de autobuses. "Agora as casetas están nun espazo limpo e ben preparado, e á xente esto gústalle".

No tocante á vida da caseta, Ramiro López confesa que "anécdotas teño moitas, pero tampouco as recordo xa todas". Entre os seus moitos clientes asiduos ten un grupo de Oviedo "que desde o primeiro ano veñen cada San Froilán, e o ano pasado que non estivemos aquí foron a La Palloza. E este ano xa volveron a chamar e están encantados, ademais veñen tarde porque queren que a súa mesa sexa utilizada antes", explica. "Despois, cando se sentan, toman a cousa con calma".

Ramiro explica que ten "moi bos recordos de todos os clientes —de casi todos, matiza—, e a maioría son persoas moi agradecidas. Estou encantado da miña profesión. Facer feliz a xente é o máis bonito", asegura.

Ademais da calidade do produto, Ramiro López cuida o servizo "cuns camareiros que sexan correctos", explica. Poñémoslle un axudante a cada para que os servizo sexa mellor. O pulpo lévase á mesa eo noso obxectivo é que o cliente saia totalmente satisfeito, que veña e disfrute da calidade".

Algúns camareiros "levan xa sete ou oito anos con nós, E de aí tamén saen anécdotas moi bonitas", explica. Nunha ocasión, "unha camareira tivo un aneurisma e atopámola nos baños case no outro mundo. Era estudante en Lugo e a carreira levoulle moito acabala, pero estivo cerca de dez anos con nós. Grazas a Deus recuperou e só teño boas palabras para ela. De axudante pasou a ser unha das mellores camareiras da nosa caseta", asegura.

Aurora Baranda: "Chegáronme a pedir cita dende Arabia Saudí"
Aurora Baranda"Cada un de nós mira polo seu", explica Aurora Baranda ao preguntarlle pola relación entre os responsables das casetas. Esta muller, que malia nacer no Carballiño se considera "unha lucense nata", recorda que "antigamente o prato típico desta festa eran "as anguías". Ao comezar a escasear empezou a introducirse o polbo, "pero antes o típico do San Froilán eran as anguías do Miño", di.

Aurora ten moi boas lembranzas de cando "o feirón" estaba na zona da estación de autobuses. "Na noite do catro ao cinco case non nos podiamos deitarnos". Pasábase o tempo carrexando cousas dun lado ao outro, porque ao día seguinte había tal cantidade de gando, de cabalos, de touros, de vacas... "Non dabamos pasado coas cousas", explica. "Aquelo era moi enxebre". Moi bonito. No San Froilán víñase a vender a semente dos toxos. Esta feira admitía todo tipo de transaccións. As xentes do campo viñan, negociaban, vendían e logo comían o polbo coa familia. "Era xente maiorciña, que xa non vive, como tampouco vive miña nai. Viñan as leiteiras cos seus tarriños e logo, ao marchar, lavábanselles as leiteiras, e un rabiño de pulpo para unha veciña, dous para outra, tres para outra... Eran unhas clientas fabulosas", explica a pulpeira.

"O polbo que levaban as leiteiras era para os seus veciños, non para elas solas. Encargábanllo, e algunhas levaban para cinco casas. Facían moito gasto". A feira do San Froilán era ata non hai moito moi parecida a As San Lucas de Mondoñedo.

Logo a cousa foi avanzando, "porque agora aquelo tampouco sería moi viable a nivel sanitario", indica. "Esto foi mellorando moito. Eu deixei de vir un ano que tiven un neno, porque teño un rapaz que cumpre anos o día 4. Ese ano non puiden vir ao San Froilán, pero non sabes o que me costou. Non se perdeu a feira porque daquela aínda viñan meus pais, coas miñas irmáns, e non había problema", asegura.

Aurora lembra cando montaba o caldeiro en García Portela "diante da caseta de Pepe, de La Barra. El foi un dos impulsores das casetas, e ademais poñía empeño en que saise todo ben. Era un bo profesional", indica.

Ao igual que os outros hostaleiros, Aurora viviu "experiencias moi bonitas" no San Froilán. "E de aí que en boa parte a min a xente me quixese en todas partes, en A Coruña, en Pontevedra, en Carballiño —que aínda hoxe están enfadados...—. E sen embargo eu quixen poñer a pulpería en Lugo. Non nacín aquí, pero considérome unha lucense nata", afirma.

Entre as moitas anécdotas que ten Aurora, lembra que "cando poñiamos alí, na estación de autobuses, meus pais cocían o pulpo ao fondo, e cando había un minutiño que tiña libre... Alá ía eu aos caballitos. Como os señores das barracas eran amigos da familia non me cobraban.... Aquelo era precioso. A pulpeira era pulpeira, e o caseteiro caseteiro, que logo esto foi cambiando", comenta. "Nas casetas tamén se comía cachelos e chourizos fritos. O demais era todo polbo. e si que tiña outro sabor, si. Pero na hixiene, a nivel sanitario gañouse un mundo. Agora é moito mellor".

Aurora tampoco estivo o ano pasado no Parque e agora anima a todos os lucenses a que se acheguen ao feiral. "Antigamente cando meus pais viñan ao San Froilán estabamos aquí ata decembro, pero só se comía o polbo nesa época. Empezabamos o 22 de setembro e ata novembro ou decembro a mamá quedaba no campo da feira e nós faciamos as feiras dos arredores, as feiras de Ano, a de Monterroso, a das noces de Chantada... O San Froilán é unha festa que se hai algunha así é parecida, pero igual non", di. Polo seu carácter tradicional, por antigüedade, e por mantér unha continuidade.

A Aurora incluso a chamaron un ano desde Arabia Saudí para reservar mesa. "Unha xente boísima de atender, malia que viñeron o Domingo das Mozas... Ca ves que día para vir meterse entre todo o follón.. Xa me coñecían. Foron encantadores e moi discretos", indica. Si que vén moita xente, iso é certo, ero hai que poñerse a sumar desde o primeiro día ata o último, cando está todo no almacén. Todos son gastos, e moito traballo. A esto tes que lle querer. Teño tres fillos e só vén un a esto. Os outros din que hai que ter amor ao arte. Sabes? Que hai que terlle amor ao arte. Non é todo ganancia, nin ouro o que reloce. O principal é dar unha boa imaxe do San Froilán, cada ano mellor".

Manolo de Marce: "Houbo quen comeu el solo oito racións"
Manolo de MarceAo falar con Manolo de Marce é doado darse conta de que podería contar moitas cousas da intrahistoria das casetas, e do San Froilán. non obstante prefire tirar de recordos antes que falar de desencontros, e pasa directamente ás anécdotas: "Ver entrar a Tuna pola caseta, hai 25 anos ou así, era espectacular", comenta.

"Por aquí pasaron moitas persoas famosas, políticos, xogadores de fútbol, artistas...", continúa antes de interromper a conversa brevemente para falar co exalcalde Tomás Notario, que lle vai a reservar mesa. Retoma a charla e fala doutros políticos aos que atendeu: Cospedal, Beiras... "Por aquí pasou moita xente", lembra cunha discreción que di moito del.

Entre quen pasaron pola caseta de Manolo de Marce tamén os houbo que chegaron a xantar —por barba— "entre oito e nove racións de polbo, con cachelos e viño. E copas ao rematar", comenta cun sorriso sen revelar quen é o lambón aínda logo de insitirlle un pedazo. "Hai 20 anos en case todas as mesas se facían queimadas, tamén era parte da tradición. Se tiña 50 mesas había 40 queimadas", comenta.

Con todo, a expresión múdalle ao falar do seu neto, Jorge Tato, o xogador do Vilalbés xuvenil tráxicamente falecido nun accidente de tráfico hai dous anos. "El e máis eu levábamonos moi ben. Era un rapaz extraordinario, e persoalmente quedei moi desorientado", explica con sinceridade. "Tamén lle gustaba esto", di. "Así que hai que seguir cara adiante. Por el, polo público, e polo San Froilán".

Comentarios