''Al preguntar, aún te echan los perros setenta y pico años después''

Os contos dos do monte, dos fuxidos, son aínda 75 anos despois do golpe de Estado de xullo de 1936 relatos incompletos. No caso das mulleres represaliadas e da guerrilla a escaseza de literatura é aínda máis flagrante, a excepción da figura da luguesa Enriqueta Otero. Pablo Ces embarcouse na realización do documental 'As silenciadas' grazas ao traballo previo de investigación da súa nai, Aurora Marco, autora dun diccionario da muller galega no século XX e responsable de achegar as biografías inéditas do filme.

Conta que foi un proxecto «familiar» escolmar seis das vinte e seis mulleres ás que se achegou Aurora Marco para compoñer un relato en papel, aínda inédito. A narración audiovisual arrincou das testemuñas vivas, como a quiroguesa Carmen Rodríguez Nogueira, que faleceu en 2007, e Chelo, unha guerrilleira do monte que ten 92 anos e que mantén viva a memoria en Francia.

A Pablo Ces chamoulle a atención que, nunha «pequenísima porcentaxe» dos casos, os familiares das víctimas non foron capaces de desbotar o temor ou a vergonza. «Teñen metido o medo no corpo. Outros teñen pudor de seren parentes de xentes de esquerdas, que foron tildados de bandoleiros, atracadores», segue o director de 'As silenciadas'.

E así, o estigma fixo que aos pais de Pablo Ces lles botasen os cans cando hai uns anos ían preguntar a unha casa por alguén represaliado. «E isto, setenta e pico anos despois».

O director incide en que esta negación atopouna nos menos dos casos. Polo contrario, a resposta de familiares foi de «agradecemento e total colaboración» por espertar o interese por historias anónimas e descoñecidas.

Grazas ao traballo de investigación e ao contacto directo —ou vía  seres moi achegados— coas seis 'silenciadas' do seu documental, Pablo Ces conclúe que é falsa esa idea de que a Guerra Civil en Galicia «durou dous días» e que foi de baixa intensidade. «En Galicia foi o primeiro sitio onde se armou a resistencia; a federación guerrilleira de León e Galicia foi a primeira en artellarse con dirixentes políticos e en Galicia os do monte botaron máis tempo agochados e en activo que noutros sitios», explica o director.

E neste contexto, as mulleres: máis esquecidas e dobremente expostas.

«Elas loitaron sen armas: eran as que daban a cara cando ía preguntar a Garda Civil; as que levaban as palizas cando non daban unha resposta convincente; as que preparaban os agochos, as que servían de enlaces e as que daban os informes sobre os movementos do exército ou dos gardas...», enumera Pablo Ces.

O realizador certificou tamén que Galicia lle outorgou moito máis apio social á resistencia antifranquista que o que se quixo admitir: «Como, se non, tantos anos de agocho e tantos anos a manter a actividade no monte? Había moita xente nas aldeas que simpatizaba cos guerrilleiros. Os ánimos empezaron a decaer logo da Segunda Guerra Mundial, polo exterminio sistematizado, houbo delacións, gran número de mortos, encarceramentos e desmolarización... máis aínda se mantería a actividade uns anos máis».

Á xente que lle toca máis preto estas historias, os que queren completar as biografías familiares —como as netas de Carmen Rodríguez Nogueira—, agradecen que xente como Aurora Marco e Pablo Ces puxesen o foco sobre historias anónimas.

«Nosotras apreciamos mucho que no tuviesen el sentimiento de lucrarse con la tristeza ajena. Y que se fijasen en víctimas como mi abuela y mi abuelo, que no fueron escritores ni artistas ni alcaldes ni gente notoria», agradece Marga da Torre, quen considera que as familias están asumindo un traballo en solitario por recuperar a memoria «cuando debería ser algo público; es de todos».

Comentarios