Anxo Lugilde: ''No pregón vou animar a xente para que se poña en valor a produción da pataca''

SSEN48202.JPG
photo_camera SSEN48202.JPG

Na súa alocución, o xornalista e analista político falará da súa vinculación persoal con Triacastela e enxalzará os valores que promove a Feira de Artesanía, unha iniciativa que, na súa opinión, contribúe manifestamente a favorecer o desenvolvemento do medio rural. Destaca tamén a excelente calidade e o potencial da pataca de Triacastela.

O xornalista e analista político Anxo Lugilde, colaborador de Grupo El Progreso, será o pregoeiro da cuarta edición da Feira de Artesanía e Produtos da Zona, que se celebrará en Triacastela o sábado.

O evento está organizado pola Asociación de Mulleres Rurais Tres Castros, o colectivo Artesás do Tear (Artelar) e o Concello, que elixiron para esta misión a Anxo Lugilde polo seu coñecemento e vinculación co municipio, onde ten raíces familiares.

Anxo Lugilde é correspondente do xornal La Vanguardia en Galicia e Portugal desde o ano 2005. Ademais, colabora cos xornais El Progreso e Diario Pontevedra. Tamén é autor de varias obras sobre política galega e inmigración.

Que implica para vostede poder pregoar a Feira de Artesanía e Produtos da Zona que se celebra en Triacastela?

É a primeira vez que vou facer de pregoeiro. Nunca imaxinei facer algo así, pero o que me levou a aceptar é o feito de que sexa en Triacastela. É algo marabilloso, un motivo de satisfacción.

Que vínculo o une con esta localidade?

Miña nai naceu en Triacastela. Logo meus pais fóronse vivir a Barcelona, pero miña nai veu a Lugo para que nacera aquí. Crieime entre Barcelona, Bilbao, A Coruña e Santiago. Co sitio co que sempre máis me identifico é con Triacastela, pola devoción que teño cara ás súas paisaxes. Miña avoa vivía entre Sarria e Triacastela e teño pasado con ela algúns veráns durante os primeiros anos da miña infancia.

Que lembranzas ten da Triacastela de cando era neno?

As viaxes no bus para ir de Sarria a Triacastela. Nos baixos ían cochos, galiñas... e iso para un neno urbanita coma min era sorprendente. Tamén teño recordos da matanza e dalgunha malla e lembro que a primeira vez que vin a neve foi no alto do Poio.

De que xeito influíu Triacastela na súa traxectoria vital?

Os sitios bonitos son bos para a alma e Triacastela pode presumir dunha beleza extraordinaria.

Fala da devoción que sente cara á paisaxe de Triacastela...

Triacastela é un paraíso, un verxel. A diferenza doutras zonas nas que o eucalipto foi invadindo os bosques e fragas, Triacastela non posúe a mesma paisaxe aburrida e monocromática. Conserva carballeiras únicas e lugares de gran valor paisaxístico. Miña avoa adoitaba dicir que en Triacastela sempre facía sol.

Que agarda da visita?

Coñecía a feira pero nunca tiven a oportunidade de asistir. Quero agradecerlle á alcaldesa e ao resto de colectivos que organizan esta cita que me encomendasen a tarea de dar o pregón. Agardo que sexa unha actividade que traia a numerosas persoas a Triacastela e que axude a loitar contra o despoboamento do rural. E en canto a min, desexo recuperar o vínculo con esta terra marabillosa.

Pódenos avanzar algo da súa alocución?

Vou falar da miña vinculación persoal con Triacastela. Tamén terei palabras para enxalzar a Feira de Artesanía. Este tipo de iniciativas contribúen a favorecer o desenvolvemento do medio rural. Tamén quero facer unha reivindicación en defensa do rural para que nestes momentos difíciles que nos toca vivir os recortes orzamentarios non sigan danando este medio. As administracións debería investir con máis responsabilidade, para aumentar a produción e poñer en valor o potencial que hai en pobos como o de Triacastela. No pregón vou animar a que poñan en valor a produción de pataca. Boto de menos que se explote este produto máis aló do autoconsumo. As patacas desta zona son excelentes. De feito hai un refrán, que está recollido nun refraneiro que editou o centro Ramón Piñeiro, que di ‘Triacastela, boas patacas e boa terra’.

Para quen non coñeza Triacastela, que recomenda visitar?

A baixada do Camiño que vai dende Triacastela ata Sarria por San Xil é algo que merece a pena facer. Independentemente de que se faga o Camiño ou non, neste tramo a paisaxe é espectacular, sen desmerecer nada a Samos.

Prepara algún proxecto novo?

Estou preparando un libro sobre as invasións monárquicas de Portugal en Galicia entre os anos 1911 e 1912. Coa proclamación da República, unha parte da monarquía exiliouse en Galicia e apoiada polo clero pretendía conspirar contra o novo goberno. Foi na historia contemporánea de Portugal cando máis se falou de Galicia.

Comentarios