lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

Anxo Lamas cédelle unha colección de máis de 60 táboas literarias a Xermolos

Anxo Lamas, no seu taller
Anxo Lamas, no seu taller
As obras, que se poderán ver na Casa da Palabras, recollen textos de escritores chairegos dende o século XIX ata a actualidade

O artista Anxo Lamas, de Castro de Rei, vén de cederlle á asociación cultural Xermolos de Guitiriz unha colección de 64 táboas literarias dedicadas a outros tantos escritores chairegos. A mostra inaugurarase o vindeiro sábado e quedará depositada na Casa das Palabras, aínda que o obxectivo da entidade cultural guitiricense é expoñela na casa de Díaz Castro unha vez que esta se rehabilite, tal e como adiantou Alfonso Blanco.

O coordinador de Xermolos avanzou ademais o propósito de converter esta completa mostra en itinerante, para difundir noutras comarcas de Galicia tanto os escritos dos autores chairegos coma a obra pictórica escollida por Anxo Lamas para ilustralos.

A colección de táboas, tal e como recordou Lamas, estaba inicialmente composta por pouco máis de 30 obras e foi exposta en Vilalba, pero, ante a carencia dun lugar onde puidese permanecer exposta permanentemente, tivo que ser recollida e gardada, mentres o autor ía sumando novas obras ata compoñer a serie actual, na que figuran dende escritores do século XIX, coma os da escola vilalbesa, ata novas plumas da Nova Poesía Guitirica, coma Fátima Fernández ou Jaki Quintela.

O acto de presentación da mostra está fixado para o día 28 ás 19.30 horas, e contará coa presencia do autor das táboas e de Alfonso Blanco, que estarán acompañados por Mero Iglesias e Rubén Aranburu.

Esta é a segunda colección de táboas que cede o artista de Castro Rei, moi comprometido coa promoción dos creadores chairegos. Así, na casa da cultura de Castro de Ribeiras de Lea pódese contemplar dende hai varios anos unha mostra similar, concibida coma unha homenaxe a pintores, escultores, poetas e escritores do municipio natal de Anxo Lamas.

Anxo Lamas cédelle unha colección de máis de 60 táboas literarias a...
Comentarios