Antón Valcarce: "Escribo e compoño de sempre, pero comecei a publicar tarde"

É un namorado dos libros e da historia. Coñecido na comarca e en toda a comunidade por diversas composicións no eido da canción protesta, animouse o pasado ano a recompilar historias sobre a cidade do Cabe no libro 'O que non che contaron de Monforte'
Antón Valcarce amosa exemplares dos seus libros en Monforte
photo_camera Antón Valcarce amosa exemplares dos seus libros en Monforte

O monfortino Antón Valcarce presentará os seus últimos traballos literarios e musicais o día 26 ás 20.00 horas na librería Balmes na capital da provincia. Valcarce é coñecido na cidade do Cabe pola súa actividade no eido cultural. É autor de ensaios e libros nos que o seu Monforte natal é o protagonista. Nun dos estudos asegura, tras un profundo traballo de investigación, que Dulcinea del Toboso, personaxe imprescindible no libro de Cervantes ‘El Quijote’ está basada nunha ascendente dos Condes de Lemos, máis concretamente na nai de Inés de Castro. Ao facer repaso do pasado Valcarce di que escribe e compón dende moi novo, dende que ten uso de razón, ao mesmo tempo que apunta que non fixo nada destacable polo que ser coñedido. A súa é unha carreira de fondo na que o sentimento e a emoción son os protagonistas.

Nunha semana estará en Lugo presentando os seus últimos traballos literarios e tamén musicais. Que sorpresa agocha o evento?

Neste acto presentarei ademais de dous libros un par de temas do novo disco que sairá para outubro. A sorpresa é que vai a ser unha presentación mixta, de música e letras.

Un dos libros que amosará ao público que acuda ao acto en Lugo é ‘De Nápoles a Monforte polo inferno’, que leva como subtítulo ‘Traxifarsacomedia en tres actos e pico’. De que vai este traballo?

É unha peza de teatro que xa temos representado en varias ocasións en Monforte. Fala da volta á historia dun pobo en decadencia. A través deste traballo fago vir do inferno ao séptimo Conde de Lemos.

O outro volume que presentará e que viu a luz a principios do ano pasado é ‘O que non che contaron de Monforte’. Que hai nas páxinas desta publicación?

Agocha catro historias fabuladas e noveladas sobre a cidade do Cabe e unha sobre O Courel. O libro está publicado por Agrasar, una editora local que está facendo un traballo espectacular de recuperación de volumes que xa estaban esgotados. Estou moi satisfeito coa acollida que está tendo ‘O que non che contaron de Monforte’ porque xa estamos rematando a segunda edición. Creo que isto aconteceu así porque é un libro moi doado de ler. Na súa escrita empreguei un galego moi Lemavo.

Que quere dicir con que empregou un galego moi Lemavo?

Está escrito no galego que se falou aquí sempre, alonxado da normativa. Utilicei as expresións e a lingua de toda a vida.

Dende cando escribe Antón Valcarce?

Levo escribindo toda a vida. Penso que o fago dende que teño uso de razón. Escribir e compoñer fágoo de sempre, o que pasa é que comecei tarde a publicar.

Falando de compoñer e dese novo disco que sairá en outubro, a que vai soar?

Neste traballo volvo un pouco ás orixes. Os meus comezos foron coa canción de temática social, a canción protesta naquel entón. Será un disco en acústico que aínda non ten título, isto sempre o decido ao final, e constará de case unha ducia de temas e o videoclip que se chama Sacra Ribeira.

Lembra como foi o seu primeiro contacto coa música?

Aconteceu ao mesmo tempo que tiven por primeira vez un pasaporte na man. Fun a París. Alí comecei a cantar no metro. Naquela gran cidade foi na que tiven a conciencia de ser de aquí, de ser galego. En París entrei en contacto con xente de aquí, con galegos que estaban aló emigrados e vin que non o estaban pasando ben e que a emigración non era o paraíso que podía semellar cando viñan de vacacións. É estraño, pero a primeira canción que fixen en galego, ‘Aínda que comamos centeno’, fíxena en París.

Tras unha nutrida traxectoria no eido musical, como percibe o panorama da canción protesta hoxe?

Todos os anos, o día oito de setembro, xúntome en Outeirto de Rei con outros cantautores polo aniversario de Manuel María e doume conta de que a época da canción protesta pasou. Foi daquel tempo, nos anos 60 e 70, logo coa bonanza económica esmoreceu e agora xa non é o que era na súa época de esplendor.

A pesar de todas as mudanzas que se deron a nivel social e na música, hai temas aínda hoxe polos que cantar e protestar?

Hai os mesmos temas que antes. Neste caso, a actualidade é cíclica. O que se pensaba que podía estar pasado de moda, volve estar na cima da actualidade. Repítese, a emigración é daquela época, pero tamén de hoxe. Unha das últimas cancións que compuxen, ‘Político de profesión’, fala e denuncia os problemas de hoxe, desa clase e desa calaña política que segue existindo.

Comentarios