Antípodas

O MUNDO NON é igualitario e non cabe dúbida de que Occidente é hoxe o espazo onde hai máis garantías e liberdades para o individuo; tamén maiores posibilidades de promoción persoal. Xa non digamos no caso das mulleres, por aquilo de que algunhas sociedades semellan ancoradas na Idade Media. Aínda así, tamén dentro dos ricos hai clases, como ven a dicir un estudo da OCDE. Concretamente, atendendo aos niveis de educación, sanidade e ingresos, entre outros, afinouse tanto que se localizou o mellor lugar para vivir en Camberra, a capital de Australia. Este tamén foi o país que quedou en primeiro lugar da clasificación. Isto lévame a pensar cómo as fortunas das nacións soben e baixan, igual que as das persoas e familias. Un caso emblemático de país que vai costa abaixo é Arxentina, que comezou o século XX entre os máis prósperos do mundo é hoxe ten moitos dos problemas do subdesenrolo. Pola contra, Australia era nesa mesma época unha colonia de pouca importancia na fin do mundo. Nun tempo, os ingleses vírona tan afastada que mandaban alí a moitos dos desgraciados que se amoreaban nos seus cárceres. Sería como se hoxe os mandaran á Lúa, xa que as condicións de pobreza e de transporte garantían que nunca volverían á patria que se quería desfacer deles. Loitando contra a historia, Australia foi quen de asentarse como unha democracia con evidentes acenos socialdemócratas. Sempre houbo a preocupación polo benestar e a igualdade social pero, ao tempo, o pragmatismo e o mercantilismo británicos fixeron que este país puxera a todo o mundo a traballar.

Tamén hai puntos escuros na sociedade australiana, como o trato dado aos aborixes, que durante moitos anos foron ignorados, maltratados e sometidos, todo á vez. Houbo intentos de aniquilación, de asimilación (sacándolles os fillos á forza, para que foran criados por ‘auténticos’ australianos) e de marxinación (meténdoos en reservas). Tamén prevaleceu durante moito tempo unha política inmigratoria racista. Só querían xente de pel moi branca. Cando a necesidade de importar man de obra foi tan grande, nun país que era case un deserto humano, que rebaixaron as esixencias e recibiron, de peor gana, a italianos e gregos. Mesmo nos anos sesenta houbo un convenio para acoller a españois pero, debido a diferenzas políticas con Franco, axiña se cancelou. Hoxe, Australia é un país aberto a Asia e ao Pacífico, multicultural e próspero. Como símbolo, Camberra tense convertido na capital do benestar mundial. Para os que sintan envexa dun lugar tan afortunado, hai que dicir que esta cidade é tamén unha das máis aburridas do planeta. Non se podía ter todo.

Comentarios