Antiobsolescencia artesanal

Foto: MARÍA ROCA
photo_camera Foto: MARÍA ROCA

JOSÉ DA FERRARÍA, artesán vilalbés

HAI NESTA vida pseudopersoeiros que transcenden aos mass media sen mérito algún, mentres que pola contra existen xentes do común que pasan habitualmente desapercibidas e que prestan sen embargo servizos imprescindíbeis á comunidade. Nos tempos que andamos, de permanente avance tecnolóxico, as grandes superficies van aniquilando o pequeno comercio e as marcas monopolizan paralelamente os recambios a través dos seus técnicos. Cando antes se avariaba un aparello, había sempre alguén na contorna capaz de lle poñer remedio coa finalidade de alongar a súa vida útil, pero, en aras do consumismo, seica a data de caducidade vén hoxe programada de fábrica, de tal xeito que chegada esta á súa fin non queda outra ca repoñelo por resultar máis custosa a reparación.

Mais velaí como aínda quedan na actualidade persoas con oficio coma o vilalbés José Vázquez Otero, José da Ferraría, habelencioso para facer calquera clase de arranxo doméstico, profesional onde os haxa, humilde, honrado e cumpridor coma poucos. Ben sei que non será o único, mais si daqueles que, aínda que non saian nos pregóns ou nos medios, resultan necesarios e merecen a recoñecemento social.

Chema Felpeto é profesor

Comentarios