"O corpo pídeme volver de cada certo tempo, sinto que a Terra Chá sempre será a miña casa"

Antía Veres: "Hai quen pensa que non existe o tradutor porque xa o fai o Google"

Vive de traducir, un mundo «dinámico» e «fascinante». Complementa traballos en galego con outras combinacións lingüísticas e todo tipo de textos coa rama literaria, a súa favorita, xa dende a Universidade. E acaba de gañar un premio que lle abre unha porta para continuar
Antía Veres
photo_camera Antía Veres

Vén de gañar o I Premio Realia de Tradución, que convocou a editorial Hugin e Munin e o Concello de Santiago por escribir en galego ‘Detrás da máscara: o poder dunha muller’, de Louisa May Alcott. Antía Veres, afincada en Vigo pero con profundas raíces chairegas, desfruta aos seus 26 anos da súa lingua e da literatura, nun proceso «meticuloso e pausado» que resulta «moi entretido».

Que significa o galardón?

É unha enorme satisfacción e a mellor recompensa que podo imaxinar ao meu traballo. Foi unha tradución contra o reloxo. Tiven que sacar horas de onde non as había e dedicarme por completo á tradución durante catro meses: primeiro facía as miñas oito horas na oficina e logo, na casa, centrábame no premio.

Por que esa obra?

Cando era cativa, unha tía miña regaloume o libro ‘Mulleriñas’, de Louisa May Alcott, e era unha obra que me encantaba. Tiña claro que quería que a autora fose unha muller e decidín investigar un pouco máis a escritora. Entón, dei con esta obra, que é bastante singular dentro do seu traballo. Ao lela, conquistoume o carácter irreverente da protagonista e a crítica que se lles fai á sociedade de clases e ao machismo, uns temas acerca dos que, a día de hoxe, aínda nos queda moito por reflexionar.

O xurado destacou «unha tradución axustada ao orixinal inglés coa necesaria adaptación á lingua meta para favorecer unha lectura fluída». Que é o máis difícil?

O máis difícil é o equilibrio entre a adaptación e o respecto ao texto orixinal. Os tradutores literarios sempre temos que ter presente que non somos os creadores da obra, que esa función a desempeñan os autores e que é a eles a quen lles debemos o máximo respecto. Debemos tratar de ser invisibles e de non imprimir a nosa pegada nin influír no texto final. Non obstante, sempre é preciso adaptar o texto para, como di o xurado, favorecer unha lectura fluída e que resulte natural, pero tendo en conta que se o autor expresou unha determinada cousa dunha determinada maneira era porque quería causar unha determinada sensación que nós temos que conseguir trasladar á nosa lingua.

O premio abre unha nova porta a máis traballos como este?

Iso espero! Xa comecei a miña andaina no mundo da tradución literaria hai uns anos, coa publicación do relato ‘O conto de Nadal de Auggie Wren’, de Paul Auster, en 2013, e da novela ‘Un amante fantasma’, de Vernon Lee, en 2015, esta na editorial Hugin e Munin. Tamén fixen algunhas outras que polo momento están inéditas.

"A publicación é a maior satisfacción. Ver o resultado do meu esforzo nas librarías é unha sensación que non se paga"

Ademais do galardón económico, o premio inclúe a publicación da obra. Que é o máis satisfactorio?

A publicación, sen dúbida. É unha maneira moi satisfactoria de poder compartir ese traballo e de achegar determinadas obras a un público que, doutra maneira, se cadra non podería acceder a elas. Ver o resultado do meu esforzo nas librarías é unha sensación que non se paga con cartos.

Está valorada a profesión?

Atópaste de todo: por unha banda, hai xente que se marabilla, que se interesa por saber con cantas linguas traballas e como desenvolves o teu labor, e que valora o que facemos; pola outra, hai quen queda abraiado, pero porque pensa que a tradución xa a fai o Google, e que non existe nin se precisa a figura do tradutor. Ata hai quen lles pregunta aos colegas intérpretes se son actores de cine ou de teatro!

O nivel de idiomas da xente é bo?

Penso que a preparación está mellorando: os nenos comezan dende máis pequenos a aprender linguas estranxeiras e cada vez hai máis xente formada. Aínda así, coido que o nivel de idiomas en España segue estando por debaixo do doutros países europeos.

Cal é a situación actual do sector?

Dentro da tradución hai moitos mundos diferentes en situacións moi distintas. Mentres que a tradución en xeral está nunha situación medianamente boa, debido en gran medida á tendencia á globalización, tamén é certo que é un eido no que hai un intrusismo profesional brutal e no que se mete moita xente pensando que, se sabes dúas linguas, xa sabes traducir. Iso fai caer as tarifas.

E o da tradución en galego?

O mundo da edición e da tradución literaria ao galego está nunha situación delicada, xa que dende as institucións públicas cada vez se presta menos coidado á cultura e á lingua. Lin nunha noticia que a única das linguas do Estado na que se reduciu o número de libros editados no 2016 era o galego. Os orzamentos das axudas á tradución de libros do galego ou ao galego reducíronse e, ademais, a política lingüística de ‘desfomento’ do galego que fai o Goberno de Feijóo non axuda a que mellore esta situación.

As grandes editoriais copan o mercado ou internet abre portas?

A verdade é que internet nos facilita moito a vida aos tradutores. É unha ferramenta de busca excepcional e tamén nos permite facernos visibles e promove-lo noso traballo. Aínda así, segundo a miña experiencia, o mundo da tradución literaria segue xirando en gran medida en torno ás grandes e pequenas editoriais.

Sería máis fácil acadar traballos de tradución noutras linguas?

Hai moita máis oferta noutras linguas que teñen maior número de falantes, como é natural. E aínda que hai particulares e empresas que seguen ou comezaron a apostar polo galego, a oferta de traballo é moito menor. Tamén está moi vinculado coa política lingüística do actual goberno de Galicia. Eu o que fago é complementar traballos de tradución cara ao galego ou dende o galego con outras combinacións lingüísticas.

Pódese vivir da tradución hoxe?

Pódese vivir; de feito, eu fágoo. O que si é verdade é que é moito máis difícil facelo se só te queres dedicar á tradución literaria. Eu traballo nunha axencia de tradución, Globalingua, en Vigo, na que nos centramos noutros tipos de textos, dunha grande variedade temática: institucionais, comerciais, técnicos, xurídicos, médicos, económicos, etc.

Barallou a educación? 

Polo momento, non, aínda que é unha das principais saídas da carreira.

Comentarios