Ano novo, historia vella

O CD Lugo de Quique Setién non puido pasar do empate (2- 2) contra o Toledo no Anxo Carro no arranque do ano no grupo I de Segunda División B. Os lucenses perden así fol na persecución do líder, o Real Madrid Castilla, que non fallou, como tampouco o fixeron os seus principais perseguidores: Tenerife e Oviedo.

O Toledo atopouse onte no Anxo Carro cun gol de penalti de Dani Alonso aos 22 minutos de xogo e un Lugo incapaz de ver portería durante os primeiros 45 minutos, malia que dispuxo dalgunha ocasión para facelo.

Tras o paso por vestiarios, os de Quique Setién déronlle a volta ao marcador en apenas catro minutos con tantos de Monti, de cabeza, e Isma, que situaban o 2-1 con todo o acerto que lle faltara ao Lugo no primeiro tempo. Pero cando parecía que os puntos quedarían na casa, unha xogada a balón parado acabou cun rebumbio na área do que se aproveitou Javi Sánchez para facer un 2-2 que xa sería definitivo, malia acabar o Toledo con dez homes.

E tampouco empezaron mellor as cousas este ano para o Celta B, incapaz de pasar do empate sen goles en Barreiro ante La Roda. O conxunto que adestra Fonsi Valverde segue sen carburar como local e deixa escapar demasiados puntos na casa, o que motiva a súa posición perigosa, no posto de promoción a Terceira División. Iso si, onte mereceu máis do que ao final reflectiu o marcador, xa que o filial celeste dispuxo de boas ocasións. Os visitantes protestaron moito un gol que lles anularon na segunda parte. E tampouco pode despistarse o Coruxo. O equipo de Josiño Abalde regresou sen botín de Albacete, onde os locais gañaron (2-0) sen excesivos méritos. O equipo vigués foi mellor e dispuxo de boas ocasións para adiantarse no marcador, pero finalmente foi Torres o que fixo o 1-0 para os manchegos.

Xa na segunda parte, o partido mantívose moi nivelado, cun Coruxo que o intentou sen parar, pero que regalou o 2-0 ao extremo Teté, que culminou maxistralmente sorteando a Alberto un erro defensivo dos vigueses.

E como pechacancelas do grupo segue o Montañeros da Coruña. Os de José Ramón xogaron xa o sábado e perderon (3-2) ante o Sporting B en Mareo, aínda que os asturianos acabaron pedindo a hora tras o 3-2 anotado por Rubén Rivera –que xa fixera o primeiro tanto dos galegos– preto do final. O Montañeros ten agora a salvación matemática a oito puntos e a seis a promoción de descenso a Terceira, posto que actualmente ocupa o Celta B.

Resultados Segunda División B
Sporting B-Montañeros 3-2.
Conquense-Getafe 3-3.
Vecindario-Real Madrid Castilla 1-2.
Alcalá-CD Tenerife 0-4.
Celta B-La Roda 0-0.
Albacete- Coruxo 2-0.
Marino de Luanco-Rayo Vallecano B 1-0.
Real Oviedo-San Sebastián de los Reyes 2-0.
Atlético de Madrid B-Leganés 0-0.
Lugo-Toledo 2-2.

Clasificación
RM Castilla, 40
Lugo, 37
Tenerife, 34
Oviedo, 34
Albacete, 33
Rayo Vallecano B, 30
La Roda, 27
Atlético de Madrid B, 25
Sporting B, 24
Marino de Luanco, 23
Toledo, 23
Getafe B, 23
Coruxo, 23
Alcalá, 22
Leganés, 20
Celta B, 18
Sanse, 17
Vecindario, 17
Conquense, 15
Montañeros, 12

Comentarios