Animaliños

UN AMÁBEL lector escribiu recriminándome a incongruencia entre os dous últimos artigos. Debe de ser das poucas persoas que no mes de agosto seguen lendo prensa escrita e non sucumben aos cantos de serea da excelsa calidade dos programas de televisión, eses que no verán repasan os temas xa explicados, seguramente polo afán pedagóxico das emisoras de televisión, en realidade, o seu ser de vida. Dicer, dixo incoherencia pero deducíase da súa escrita que se refería á congruencia: viña o dito a conta de me bulrar un día dos que viven para as mascotas e outro día deostar os que aman ver matar touros. E debo explicalo tamén por escrito. Teño tanto respeito pola vida dos seres humanos en liberdade, polo menos en liberdade política que, na marxe da nosa natureza animal, tamén considero que os restantes animais merecen de nós un trato adecuado á súa natureza. Merecen, xa que se viron obrigados a conviviren con nós, respeito a súa condición e seren tratados como nos gostaría a nos selo por alguén máis forte e con máis capacidade de dominio que nós, é dicer, compartimos a crenza de que -fóra a ialma- todos somos ‘humanos’. Non sei se é satisfactorio como explicación pero en calquer caso paréceme o chanzo superior dunha ética belamente utópica. Sendo unha aspiración de conduta pode explicarse mellor.

Non me parece adecuado (entendéndoo como Óscar Wilde) pensar que o destino dun canciño urbano ou dun gato idem sexa aguantar a soedade e egoísmo patolóxico dun amo/a incapaz de relacionarse cos seus semellantes. É dicer, substituir as ausencias humanas de compañía. Se non é ético maltratar afectivamente os circundantes non vexo por que ha ser facelo cun can. E eu, posta na cabeza dun can, penso que odiaría (lévase moito este termo na tele) soportar as estupideces que se adoitan escoitar. Non son eu soa quen ouviu dicer: «Chispa, ven con mamá que xa vai frío e imos para casa, anda, apura por favor, deixa de cheirar nos portais…». Ou: non fai nada, non fai falla apartarse. De novo me extraña, que se non fai nada para que o quere, se o está utilizando… En realidade, quer dicer que non morde, educárono para non se defender coas propias armas e así lle vai ao pobre bicho. Claro que calquer día, en calquer momento, volve a natureza ao seu ser, o can esquence tanta aprendizaxe civilizada e non só morde os estraños senón o amo e a función remata nunha traxedia. Foi nada máis que unha volta breve á xustiza das relacións humano-caninas.

No caso dos touros, non é preciso explicar a estas alturas da civilización, que dista moítisimo de ser edificante unha matanza pública con armas, saña, superioridade, aleivosía, escarnio e música realizada por un humano enfundado nunha vestimenta que en lugar de ser de luces parece anubrar o discernimento. Xulgo que os touros non teñen ese destino, como tampouco era o de Espartaco e demais escravos-gladiadores. Por certo hai un toreador que lle tomou o nome. Por que será?

Comentarios