Aníbal Otero, sempre presente

aníbal otero Álvarez finou o 11 de marzo de 1974 na Ribeira de Piquín, a mesma terra que o vira nacer facía 63 anos nunha vivenda familiar que aínda hoxe se conserva, transformada no hotel e restaurante Mirador de Barcia.

A súa casa é unha testemuña constante do seu legado, igual que o é o colexio local, bautizado co seu nome para renderlle unha homenaxe a un fonetista, dialectólogo e lexicógrado que estudiou Filosofía e Letras en Madrid e que foi escollido, cando só tiña 25 anos, por Ramón Menéndez Pidal e Tomás Navarro para encargarse da recollida de material en Galicia e no norte de Portugal para a elaboración do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (Alpi).

Este intenso traballo provocou que o acusasen de espionaxe a prol da República ó estalar a Guerra Civil e que o condenasen a morte, pena que sería conmutada, pero que o levaría ó cárcere ata o 1941.

O paso pola cadea marcouno persoal e profesionalmente, aínda que seguiu a desenvolver investigacións lingüísticas que deron pé á publicación de ‘Contribución al diccionario gallego’ ou ‘Vocabulario de San Jorge de Ribeira de Piquín’ e ó seu nomeamento como membro numerario da Real Academia Galega no 1964, malia que retrasou a entrega do seu discurso de ingreso varias veces.

Estes e outros moitos datos son os que agora recupera o investigador e escritor Xesús Alonso Montero no ensaio ‘Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo’, que lle descobre ó mundo a figura dun investigador de sobra coñecido na súa terra natal.

COLEXIO

Un dos mellores exponentes do positivo recordo que teñen os ribeiregos do seu veciño é o feito de bautizar co seu nome o único centro educativo da localidade, denominado oficialmente Ceip Aníbal Otero dende o 1995.

O colexio fundouse hai varias décadas no marco do programa de agrupamento escolar, co fin de reunir neste centro educativo, localizado no Chao do Pousadoiro, a todos os escolares espallados polas escolas unitarias do municipio.

Nesta primeira época, o colexio chegou a ter unha matrícula de 140 alumnos que o paso do tempo e o despoboamento do municipio -que non chega a 700 habitantes- reduciron a oito nenos e nenas, un de educación infantil e o resto de primaria.

Mais o reducido número de alumnos non impide que o centro sexa moi activo. Ten participado en proxectos europeos con colexios de Italia, Noruega e Irlanda ou en iniciativas medioambientais da man do director e mestre de Educación Física, Anxo Vilabrille, e da mestra de inglés, Lucía García, que compoñen o equipo de profesorado do centro, apoiados por outras dúas mestras, de música e de relixión, que acoden ó centro unha tarde á semana.

E tamén hai algo que non cambia co paso do tempo, a presenza de Aníbal Otero nas aulas. O momento álxido foi no citado 1995, cando o profesorado pensou en poñerlle nome ó centro e decidiu que a mellor opción era dedicarllo á figura do lingüista.

«Daquela fixeron un traballo de investigación e fixeron una revista monográfica», explica Anxo Vilabrille, unha publicación que, por certo, aparece mentada no libro de Alonso Montero.

Un mural no patio, debuxado cando se bautizou o colexio, exerce de recordo constante da imperecedeira figura de Aníbal Otero, que tamén está presente ano tras ano no temario do centro. «En todo o que facemos na escolara partimos do que hai aquí e a súa figura sempre sae», sinala o director do centro.

Anxo Vilabrille tamén apunta que son varios os veciños que o coñeceron en persoa: «Aínda está presente na zona», di. Pouco máis se pode dicir, agás agardar a que Alonso Montero acuda próximamente ó colexio ribeirego para presentar a súa obra.

Comentarios