Angrois

TOPONIMIA dos arredores de Compostela dramaticamente citada nos pasados días, en particular a aldea de Angrois, atopou cedo acomodo na literatura galega contemporánea, e fíxoo impregnada de connotacións positivas referidas á solidariedade da súa xente. Estou a pensar na que se ten por primeira novela, malia a súa condición diglósica, ‘Maxina ou a filla espúrea’, do meu paisano Marcial Valladares Núñez. Angrois é precisamente o rumbo que collen Otilia, unha moza solteira da burguesía compostelá que fora violada nun baile de máscaras, a súa nai e a doncela Adria, para fuxir de díxomedíxomes, vergoñas e estigmas derivados da súa gravidez. Deixando atrás semellante ruindade, o narrador, que presenta o libro como un «conto gallego-castellano da miña abó», explica como a comitiva, apurada polas dores de parto da muller preñada, emprende viaxe en monturas de aluguer e axiña ten que pedir axuda na casa duns bondadosos campesiños. A familia aldeá non só atende a parturiente senón que acaba ocupándose da crianza de súa filla, Maxina, protexéndoa deste xeito dos perigos da cidade. Con tales vimbios tece Marcial Valladares unha novela folletinesca na que enfronta, moral e tamén lingüisticamente, dous mundos distantes: a cidade e a aldea.

Traio a conto esta lembranza a xeito de homenaxe á veciñanza que participou nas tarefas de socorro das persoas accidentadas na catástrofe ferroviaria. Case nada queda da descrición da periferia compostelá feita, non sen certo paternalismo, polo ‘señor de Vilancosta’ a finais do século XIX. Toda vez que as diferenzas rural- -urbano se revelaron trasnoitadas e inoperativas, Angrois é unha localidade próxima á estación de tren de Santiago atravesada por unhas vías polas que un día se soñou que circularía un tren de alta velocidade moderno e seguro. O espertar dese soño foi, como é sabido, tráxico e cheo de sospeitas que apuntan a unha fatal alianza entre o erro inexplicábel e a precariedade tamén inexplicábel das infraestruturas. A todo isto hai que engadir aínda outras desconfianzas sobre cuestións relativas á coordinación da xestión da catástrofe que seguen aínda sen se esclarecer, o tratamento informativo e carroñeiro dunha boa parte dos medios, que atentaron contra a dignidade de vítimas e familiares e do que non se libraron os veciños de Angrois, así como unha fotografía oficial igrexa-estado que tampouco contentou a unha cidadanía conmocionada e desexosa de homenaxe. Logo de tanto despropósito e tanta tristeza, queda unha sombra de amargura e impotencia, mitigada tan só polo traballo espontáneo de profesionais voluntarios e xentes do lugar. O seu labor confirmou que, cando a fatalidade e a ineficiencia se poñen dun mesmo bando, a solidariedade das mans anónimas revélase como única esperanza.

Comentarios