''O 7 de abril será o día do queixo San Simón na rede''

Os días 7 e 8 de abril celébrase en Vilalba a XVIII Festa do Queixo San Simón da Costa, un produto multipremiado exclusivo da comarca chairega, cuxo Consello Regulador, ademais de responsabilizarse do control da produción, trata de darlle a máxima difusión posible.

Para os profanos, cal é o cometido do Consello Regulador?

O control do produto e a súa promoción. O control faise para cumprir os parámetros esixidos de calidade física e química do queixo e a procedencia da materia prima. Fanse analíticas mensuais, imprescindibles para certificar o queixo, e visitas ás queixerías. O noso traballo acaba cando sae o queixo da queixería. No tocante á promoción, temos que estar en feiras, convencións, catas comentadas, presentacións... todos aqueles eventos nos que poidamos dar a coñecer o noso produto.

Veñen de renovar a súa imaxe, como foi acollido o novo deseño?

O que se intenta é potenciar a imaxe de marca, que cando se vexa o logo se asocie inmediatamente co San Simón. Aparte de ter un bo produto tes que ter unha boa imaxe de marca. A acollida foi positiva. Non é un cambio radical nin se perderon as liñas tradicionais, só se modernizou o aspecto: a cor está clonada da cor real do queixo e o marrón das letras é o dunha bidueira. Todos os elementos da imaxe corporativa teñen que ver co queixo.

Modernizaron a web, notouse?

A aposta por internet e polas redes sociais está moi ben. Pasamos de ter poucas visitas a un número importante. Na web no que vai de ano tivemos máis de 2.300, no foro van 775, en twitter temos máis de 700 seguidores e hai programado un día do queixo San Simón na rede. Será o 7 de abril, coincidindo coa primeira xornada da feira. Hai xente de toda España traballando para subir receitas e pode participar quen queira a través de #Adiadelquesosansimon.

Consiga AQUÍ la información completa

Comentarios