Andar na Xustiza

TODOS OS DÍAS, os medios de comunicación acercan ao público conceitos como presunción de inocencia, secreto do sumario, carga da proba, imputación, etc. O certo é que para moita xente trátase de música celestial. Unha parte da poboación non viviu na sua xuventude tais conceptos de tipo xurídico, ou ben porque non existian ou porque ainda de estaren activos, concretábanse en formas bastante alonxadas dos actuais usos e costumes. Por outra banda, unha parte non pequena das actuais xeracións perceben tais principios moi pola tona. E finalmente o sistema xurídico en xeral, non se dou ceibado do lastre de case corenta anos de dictadura. Ainda hai moitos profesionais togados que adoptan actitudes e poses dun rancio autoritarismo, baixo rituais de tufo litúrxico e imbuidos desa raigame que dá o feito de xogar de pequenos en alfombras de calidade, e mesmo realizar nelas as suas urxencias líquidas. Só asi se explica a congruencia coa ordenación fisica dos estrados xudiciais, cunha disposición en forma de u e, no medio, ás veces de pé xa non os imputados, senón as persoas que van declarar como testemuñas; unha escenografia moi proxima ao feito da confesión eclesial. Xa non entremos na atribución que teñen os xuices para instruir a causa, algo que debera recaer nos fiscais, tal e como reivindican os sectores máis progresistas do mundo xudicial.

Pero aparte do verdadeiro e seguramente deliberado galimatías, que caracteriza todos os procedimentos, quen se vaian enterando paseniñamente acaban sendo sorprendidos pola prática cotidiana: para unha parte da opinión os imputados son simplemente culpables, do mesmo xeito que resulta realmente unha sorte de arcano o secreto sumarial, sobre todo porque en moitos casos os medios de comunicación recollen e publican todos os detalles do caso. O dano que se produce non afecta unicamente á investigación, senón aos propios afectados, que moitas veces descoñecen unhas dilixencias que os prexudican sen que poidan defenderse, isto é, son submetidos a un xuizo público paralelo. Deste xeito dase o caso de que o que está previsto como unha medida de precaución, para que determinadas investigacións non se frustren por publicarse antes de tempo, convértese nun verdadeiro escándalo. Porque non se trata só do feito de que as filtracións obedezan a intereses quizais alonxados da xustiza, senón de que nunca se aclara quen filtrou os dados e quen asume a responsabilidade, xa que se trata dun delito. Naturalmente os periodistas e profesionais da información están na sua obriga, o que significa que a revelación do secreto do sumario é o que os xuristas chaman delito de propia man, o que significa neste caso que só pode ser cometido por abogados, xuices, funcionarios xudiciais, etc.

O secreto do sumario é unha excepción, e convertelo en norma acredita realmente un fallo na investigación e pesquisas, pero arbitrar medidas como xa temos lido, de autorizar aos xuices de instrución para proibir determinadas publicacións, é o mesmo recurso que matar o mensaxeiro.

Da capo

Comentarios