Andainas con obxectivo

Grupo que percorreu a Ruta da Fraga de Romeor (Foto: Teófilo López)
photo_camera Grupo que percorreu a Ruta da Fraga de Romeor (Foto: Teófilo López)

Os médicos recomendan camiñar a diario, unha práctica doada e barata que contribúe a gozar de boa saúde e tamén, un recurso á hora de promover iniciativas lúdicas para congregar a xente. A pasada fin de semana foron tres as andainas organizadas na zona onde citaron a máis dun cento de persoas, chegadas de distintos puntos da xeografía galega, en Xermade, Guitiriz e Pol.

Os camiños reais eran o principal nexo de unión hai máis dun século entre as vilas e cidades galegas e eran varios os que atravesaban a comarca chairega, coma por exemplo o que unía Mondoñedo e Ferrol por terras de Abadín, Vilalba e Xermade. Neste último municipio o Concello apostou por recuperar este traxecto coa chamada Ruta do Camiño real da Carba, un percorrido de 12,4 quilómetros por terras de Lousada e Roupar.

Os camiñantes partiron do Alto da Neiveira, onde se recollía a neve e se prensaba para facer xeo, e pasaron pola Fraga da Lagoa, onde nace o río Trimaz; pola pousada que foi o refuxo da bandoleira Pepa a Loba; a zona de fornos, chamada así pola existencia de moitos fornos de pan, a capela do Campo, o cárcere de Roupar ou a capela de San Andrés de Teixido, para finalmente chegar a capela da Santa do Carballo, xa en terras da parroquia pontesa do Aparral.

Os preto de 40 participantes nesta ruta remataron o percorrido cunha comida popular na Charca dos Patelos de Candamil, a base de xamón cocido, polbo e churrasco, servida por Rochela.

Se pola mañana andaron en Xermade un camiño Real, pola tarde tocou andaina en Guitiriz polo Camiño Norte, concretamente os tres quilómetros que separan o San Alberte de Sambreixo, nunha viaxe de ida e volta, cun sabedor tentempé de froita servido no medio do camiño na casa de turismo rural Deva.

Unhas 30 persoas participaron nesta ruta organizada pola agrupación local da asociación de loita contra o cancro, que tamén ten programada unha excursión a Ourense en outubro.

Xa o domingo e gozando de idéntico bo tempo, unhas 60 persoas aproveitaron a mañá para camiñar dende a carballeira de Rioxoán ata a fraga de Romeor, voltando logo ó punto de partida nun percorrido circular que ronda os 18 quilómetros e cuxo principal atractivo son os paraxes naturais que o compoñen.

O remate do paseo, foi tempo de repoñer forzas cun xantar a base de empanada, tortilla, lacón asado, fiambre ou chourizos, organizado pola asociación Roteiros de Pol, promotora da ruta co apoio do Concello.

Comentarios