Ana María Martínez: ''Seguiremos dando a conocer el proyecto 'Ribadeo Eventos''

A concelleira de turismo ribadense, Ana Martínez, ten pensado desprazarse a Madrid para participar en Fitur e dentro desa gran feira internacional este ano vai alí cuns obxectivos bastante concretos. Un deles trata de fomentar o proxecto ‘Ribadeo Eventos’ co que queren que diferentes colectivos escollan Ribadeo para celebrar os seus congresos.

Que se poderán atopar de Ribadeo os visitantes de Fitur?

En primeiro lugar levaremos coma sempre información plural e xeralizada sobre o concello. Tamén imos enviar información de todos os hostaleiros interesados en estar presentes alí.

Finalmente van coa Mancomunidade da Mariña?

Si decidimos facelo a través deles.

Haberá algo especial no que queiran traballar en Madrid?

Si que hai, trataremos de seguir dando a coñecer o proxecto ‘Ribadeo Eventos’. queremo intensificar os contactos que se fixeron o ano pasado porque foron moi positivos.

Tivo unha boa resposta?

Eu entendo que moi boa. A pesares de ser algo que empezamos de xeito experimental, aínda así viñeron a Ribadeo dous congresos médicos, un de veterinarios e outro máis sobre ornitoloxía. Cremos de verdade que esta é unha saída importante que non está explotada dabondo.

Pode chamar a atención o da ornitoloxía. Move moito?

Pois é algo que cando se coñece un pouco si que chama moitisimo a atención. A min resúltame bastante sorprendente que a xente se recorra ó mellor 500 quilómetros para poder ver un paxaro que nunca viron ou no que polo que sexa están especialmente interesados, Hai moitísima xente. De momento queremos aproveitar e facer xornadas adicadas ós humedais e unha ruta de avistamento de aves na que virá un especialista.

E segue estando aí o tema eterno de aproveitar As Catedrais.

Desde logo que si. Está clarísimo que temos que ser capaces de canalizar os miles de visitantes que ten a praia das Catedrais. Sabemos que moita xente chega desde Asturias, agora xa directamente pola Autovía do Cantábrico, vai á praia e marcha sen coñecer Ribadeo, e iso non pode ser. Como tampouco pode ser que despois lles preguntes e che digan que si, que estiveron nas Catedrais e lles encantou, que está en Asturias... Temos grandes posibilidades, pero hai que aproveitalas moito mellor.

A POTENCIAR

  • Hostalería. O sector hostaleiro ribadense é o máis potente de toda a comarca. Pouco a pouco os seus compoñentes van decatándose da importante de estar na feira de turismo máis importante de España. Cada vez acuden máis, aínda que desde Ribadeo hai algúns concienciados que soen estar alí.
  • Praias. Ribadeo non só ten As Catedrais, as outras que se atopan na parroquia da Devesa son excelentes, en realidade moito mellores que a súa veciña para empregarse como o que son: praias. Queren dalas a coñecer.
  • Casco histórico. O casco antigo ribadense vaise recuperando de a pouquiño, pero sen parar. Cada vez está mellor e un gran obxectivo do goberno local é que sexa un polo de atracción turística de primeira orde.

Comentarios