Ana López: "Fago unha crema de árnica e cera de abellas que vai moi ben"

Esta experta en micoloxía e plantas medicinais naceu en Vigo porque o seu pai traballaba na Renfe e, sendo nena, foi vivir a Barcelona. Tras o seu repentino falecemento volveu a Galicia, primeiro na casa dos seus avós en Paradela e despois en Sarria. Ata que casou con Arlindo viviu de novo en Barcelona. Tiveron tres fillos e agora adícase ás súas actividades favoritas, enganchada á natureza
Ana López López
photo_camera Ana López López

A súa vida transcorreu entre Sarria e Barcelona. Formada como peiteadora, Ana López adicouse á familia e, cando as circunstancias lle deixaron máis tempo para si mesma, centrouse nas súas afeccións. Empezou como aprendiz, pero o seu afán por saber máis acabou por facer dela toda unha experta no mundo da micoloxía e das herbas medicinais.

Como espertou o seu interese polo mundo dos cogomelos?

Empecei asistindo ás xornadas que organiza a asociación A Muiñeira e despois fun facendo cursos. Nun momento dado impartín eu clases nun programa de Turgalicia en colaboración coas casas de turismo rural. Aquilo gustoume moito. Viña xente de todas partes e pasabámolo de marabilla. Encántame ir ao monte e cando é o tempo dos cogomelos paso o día alí.

Foi a micoloxía o punto de partida para iniciarse no estudo das herbas medicinais?

Si. Cando saes ao monte empezas a ver outras plantas e a interesarte por elas. Vas collendo, experimentando. Eu fago un montón de aceites, de romeu, de rosa mosqueta, de caléndula. Despois empezas facendo xabóns, logo pasas ás cremas, aos desodorizantes... Todo feito con produtos naturais, sen ningún aditivo, e funcionan que é unha marabilla.

Tamén con fin terapeútico?

Hai moitas cousas que si. Tamén teño colmeas e mesturo propóleo con aceite de árnica. Por exemplo, fago unha crema para golpes e dor de articulacións con árnica e cera de abella que vai moi ben.

Todo iso apréndeo dun xeito autodidacta?

Eu compro libros, leo, experimento, vou aprendendo e chega un momento no que che saen ben as cousas. Hoxe en día hai libros moi bos, en internet tamén atopas temas relacionados interesantes. E, sobre todo, experimentando. Gústame aprender por min mesma. Nunca fago unha receita tal e como a leo, sempre a fago á miña maneira, cun toque persoal.

Propúxose algunha vez comercializar as súas elaboracións?

Para min é un hobby, mais se tivera outra idade si o faría.

O teatro é outra das súas afeccións, que cultiva como membro do grupo Rebuldeira de Sarria.

Era unha cousa que nunca pensei que fora quen de facer, pero probei e, a verdade, é que me encantou. Paseino moi ben no teatro. Este ano non participo na obra porque tiña outras cousas pendentes e a min gústame, se estou nunha cousa, cumprir. Este ano tomeino un pouco de descanso, pero sigo sendo de Rebuldeira, o outro día aínda estivemos en Lugo gravando unha obra de teatro na radio, e boto moito de menos a todos os compañeiros.

Cal é a súa función en Cáritas Interparroquial de Sarria?

Estou voluntaria na parte do roupeiro. Acabamos de facer o mercadiño, que funcionou moi ben e estamos moi contentos.

Comparte co seu marido, Xaime Félix López Arias, a paixón pola investigación e a historia de Sarria?

Máis ben, non (ri). Temos gustos moi diferentes nese sentido, a el interésalle a histoira e a min quizais me interesa máis o que vivo e o futuro.

Como leva iso de ter a casa chea de documentos históricos?

O meu marido respecta moito o que fago e eu respecto, por suposto, o que fai el. Á parte dalgunha fila de que está todo cheo de libros e descolocado, levámolo ben (ri). Cada persoa ten que conservar a súa independencia e facer o que lle gusta.

Vostede que é nai de artistas, nomeadamente Rubén Santiago, vive de preto este mundo. Gustaríalle que Sarria tivese un museo?

Por suposto, ademais aquí temos un sitio estupendísimo para telo como é o antigo cárcere. Un sitio perfecto e ben adaptado.

De onde pensa que lle vén esa rama artística aos seus fillos?

Non sei, quizais axudou que de pequenos mandeinos a todas as actividades que había naquel momento, como pintura e música, para que de todas as cousas se quedaran coa que máis lles gustara.

Pensa que o feito de vivir en Barcelona durante tanto tempo influíu na súa maneira de ver as cousas?

Totalmente. Cando vin para aquí era todo tan distinto que custou un pouco adaptarse. Eu viña dun mundo diferente, sobre todo polas ideas da xente. Alí todo o mundo estaba orgulloso do seu, de ser catalán e de falar catalán. Cheguei aquí e vin que era o contrario. Eu crieime cos meus avós, na casa falouse sempre galego e, loxicamente, cos nosos pequenos falabamos galego. Había comentarios como que ían ter grandes problemas despois para estudar, e a verdade é que foi o contrario.

Avanzouse algo niso?

Penso que moito. Queda moito que facer, pero cambiou moito.

Comentarios