''Amo el trabajo, pero detesto estar sometido al yugo de los audímetros''

Tralo éxito en TV de 'Palabra de gitano', o lucense Jacobo Eireos dirixe agora 'El método Osmin'

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

Considérome un afortunado, porque son desas persoas que desexan que empece un novo día de traballo para ver que me depara, e iso é o que máis me gusta. A tele é un medio instantáneo, áxil, e esa velocidade, esa vértixe, é o que te ‘engancha’. O que máis me desgusta é estar sometido ao xugo dos audímetros.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

A ser xornalista, sen dubidalo, e a traballar en entretemento televisivo unha e mil millóns de veces.

3. O soño que máis se repite é...

Ultimamente deume por soñar coa final da Champions. Véxome en Lisboa coa miña filla e vexo a Gabi e ao Cholo Simeone levantando a copa.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Creo que a vida é un percorrido por diferentes etapas e de cada unha delas hai que aprender e seguir medrando. Se algo quedou atrás e xa non está con nós é por algo.

5. ¿A quen admira?

A meus pais, polo esforzo e sacrificio á hora de educarnos aos fillos, e aos meus amigos, porque á nosa xeración tocoulle vivir unha época complicada no profesional e todos pelexan cada día para sacar as súas familias adiante.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Cando era pequeno non era dos que mellor se portaban na clase, pero deixei un divertido recordo entre os mestres do colexio San José. Creo que tiña que terme portado con eles bastante mellor.

7. ¿Votou nas últimas eleccións?

Nunca deixei de facelo.

8. ¿Atrévese a dicir a quen?

É segredo, pero o que digo e que a clase política ten que aplicarse e reeducarse senón quere que deixemos de lado as urnas.

9. ¿Que cita subscribiría?

«¿Cómo estan ustedeeeesss?» (Los payasos de la tele). Temos que rirnos todos un pouco máis.

10. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

Unha marabillosa colección de libros, videos e camisetas de Diego Armando Maradona.

11. Unha toleada que fixera por amor...

¡Casar!

12. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

Ela é unha muller inigualable, espléndida e marabillosa, así que non creo que teña que perdoarlle nada, pero se tivera que facelo perdoaríalle todo.

13. ¿Teñen algún pacto?

Os dous somos xornalistas e traballamos en televisión, así que cando entramos pola porta da casa o pacto é: non se fala de traballo nin se comparan programas. ¡E non é doado!

14. Non sae da casa sen...

Sen roupa e sen a axenda.

15. ¿Que pecados capitais desculpa

Todos, ¿quen non cometeu algunha vez algún dos sete?

16. Pérdeo un bo...

Plan cos amigos, uns ovos con patacas fritidas, uns percebes...

17. As súas mellores vacacións foron...

En Nova York, e despois un percorrido pola costa oeste de EE.UU.nun Ford Mustang descapotable.

18. ¿Cal é a súa materia pendente?

Darlle un irmanciño á miña filla Celia.

«VOU CO MEU 'LUGUIÑO' POR DIANTE»

1. ¿Lograrán os reality de ‘coach’ desprazar aos de cociñeiros?

O ‘coaching’ e os programas de cociña son xéneros e formatos moi diferentes e non se pode falar de desprazar, xa que a ambos lles quedan moitos anos na tele.

2. Foi o director do programa ‘Palabra de gitano’, que rexistrou excepcionais audiencias. ¿Por que segue a despertar tanta curiosidade este pobo?

O éxito de ‘Palabra de gitano’ foi dar voz a un polo que ata entón só se reflectira en televisión desde un punto de vista moi concreto. Ninguén se parara a escoitalos e a convivir con eles durante semanas antes de encender unha cámara. Ata agora quedáranse sempre no tópico, e o noso programa foi un paso máis aló e iso espertou moita curiosidade.

3. Lucense que leva anos vivindo fóra, ¿é dos que practican o I’m from Lugo?

Sempre. Desde os 18 anos vivo fóra de Lugo, e fíxeno en moitos sitios, pero sempre co meu ‘luguiño’ por diante. Procuro que non pase máis dun mes e medio sen ir e cada vez que o fago cámbiame a cara. Agora estou inmerso en ensinarlle galego a miña filla.

Comentarios