Amigos do Patrimonio pide o arranxo da capela e da contorna de Soutomerille

O colectivo chamou a atención sobre o estado do lugar cun concerto e unha ruta
Asistentes ao concerto na capela de Soutomerille
photo_camera Asistentes ao concerto na capela de Soutomerille

A asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde organizou un acto reivindicativo para chamar a atención sobre o deterioro da capela e o entorno de Soutomerille e reclamar o seu arranxo.

Un bo número de persoas congregouse a última hora da tarde do sábado na capela para escoitar o concerto que ofreceron Antón Valcarce e o grupo Tundal. A continuación, desfrutaron dunha cea e despois dunha ruta nocturna pola contorna. Visitaron o cemiterio, a croa e os asentos dos mouros e a casa Torre de Arriba.

A asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde quixo destacar con estas actividades o abandono no que se atopa capela prerrománica e o estado "lamentable" da zona. Critican que "logo de ser proclamado o Camiño Primitivo Patrimonio da Humanidade e a Xunta investir centos de miles de euros non se adicou un so euro" a estes elementos do patrimonio cultural de Castroverde.

Os músicos do grupo Tundal e o cantor Antón Valcarce demostraron que a igrexa de Soutomerille ten "unha sonoridade especial", en opinión dos presentes. Ofreceron unha selección de melodías pensadas para a ocasión.

Valcarce interpretou unha peza en recordo de Manuel María, outra en homenaxe ao viño da Ribeira Sacra e outra composta cando era moi novo, dende a emigración e para os emigrantes galegos. Tundal seleccionou para o concerto pezas diversas, desde alboradas ata marchas procesionais, valses ou música popular.

Os membros de Amigos do Patrimonio avanzan que se manterán firmes na loita por conseguir que Soutomerille recupere o seu esplendor e reclaman con insistencia "que a Administración atenda as nosas peticións".

Comentarios