Amigos do Folión inicia un proceso de recuperación de carros tradicionais

A asociación fíxose con sete para uso exclusivo que están a ser restaurados en Fornas
O presidente de Amigos do Folión, Manuel Vázquez Regal
photo_camera O presidente de Amigos do Folión, Manuel Vázquez Regal

Un dos obxectivos máis importantes que se puxo a actual directiva de Amigos do Folión cando comezou a xestionar a asociación chantadesa foi o de recuperar carros tradicionais galegos. Ese proceso está xa en marcha logo dun percorrido de busca por diferentes parroquias e núcleos de poboación rurais.

Ata o de agora, o colectivo fíxose cun total de sete carros. Un deles foi doado por un particular, tres están cedidos e tres mercounos a propia asociación. Todos son para uso exclusivo de Amigos do Folión. "A idea é que haxa máis carros tradicionais durante o folión, que se celebra en agosto", sinalou o presidente da formación, Manuel Vázquez Regal.

Eses sete carros atópanse xa no obradoiro de Fernando Ibarra no lugar chantadés de Fornas, onde van ser restaurados. "Non foi doado comezar este procedemento, xa que primeiro había que atopar carros e logo un artesán fragueiro, que eran os que estaban especializados nestes traballos", explicou Vázquez Regal.

A restauración era un paso imprescindible para poder recuperar a figura do carro do país durante o folión. A meirande parte deles deixaron de empregarse coa aparición de nova tecnoloxía agrícola e o seu estado non era o mellor. "Notamos que o carro se estaba a perder co tempo e propuxémonos recuperalo. Non é doado, porque moitos deles levan sen usarse 20 ou 30 anos", engadiu o presidente da asociación.

Manuel Vázquez Regal anunciou que dous dos sete carros do colectivo xa foron solicitados para facelos desfilar durante o sábado das festas de Chantada, a finais de agosto, mentres un grupo de persoas representa ao seu arredor algunha escena propia da vida tradicional da vila en décadas pasadas. "Queremos un folión onde os carros do país recuperen presenza e para iso estaría moi ben que a xente nova aprendera a traballar neles", comentou Manuel Vázquez Regal.

Outra das ideas da asociación é organizar obradoiros para que os posteriores carroceiros aprendan a montar boas imaxes enriba destes vehículos tradicionais. Unha actividade que no verán sería posible se non se solicitan tódolos carros.

Nas edicións máis recentes do folión que ten lugar en Chantada, a presenza de carros tradicionais era moi testemuñal. Por iso a actual directiva da asociación que organiza o evento procura que estes vehículos teñan as mesmas oportunidades que as plataformas no certame. "Facemos un chamamento a tódalas persoas que no seu día facían carro, pois agora queremos dar máis facilidades para que teñan as mesmas oportunidades durante o folión", dixo Vázquez Regal. Outra das iniciativas de Amigos do Folión que está a ter éxito é a de recompilar fotografías antigas do certame. Esta semana recolléronse cinco novas instantáneas.

Comentarios