As ambulancias non son coches oficiais

AS ESTATÍSTICAS oficiais contan, coa linguaxe fría dos números, que en España temos 60.000 coches oficiais. Tamén temos catro chanzos de goberno: central, autonómico, local e diputacións, o que ningún país eficiente e moderno. Non hai para pan e gastamos en postais. 60.000 coches oficiais, moitos deles de alta gama, son excesivos.

Ademais os gobernos crearon unha abondosa, intrincada e inextricable rede clintelar de 20.000 asesores ben pagados. A xente sospeita que moitos políticos e as súas cohortes de asesores non están á altura do cargo. Á vista de cómo vai a política, a economía, o ordenamento do territorio, a nosas vacas e peixes, a educación e sanidade públicas, a demografía esmorecente, a protección do medio ambiente, a fuga de cerebros tan novos… non parece que o seu labor sexa acertado. Resulta evidente que os impostos non dan para manter tan xigantesco, carísimo e innecesario tinglado.

Se políticos, ministros, alcaldes e directores xerais baixaran do coche oficial descobrirían os pulsos da rúa, os rostros da xente, a desesperación dos parados, a fame nas colas de Cáritas e bancos de alimentos, a rabia impotente dos desafiuzados, a cólera dos estafados polas caixas, a derrota dos rapaces titulados, cousiñas invisibles tras os cristais tintados. Ben faría o sentidiño común en sacar a raíz cadrada da xigantesca flota automobilística. Ata na moi conservadora Inglaterra o premier Cameron obriga a coller o bus a ministros e altos cargos. En Rotterdam, outro exemplo, o alcalde acode ao traballo en bicicleta.

Contra o malgasto da rede clientelar de asesores están as beneméritas universidades públicas que asesorían máis barato e con coñecemento de causa a ministros dos cartos. Prestixiosas facultades de veterinaria aconsellarían a conselleiros de agricultura. Facultades de educación, de seren escoitadas, terían freada a segregadora, regresiva e ideoloxizada Lomce. Tamén asesoraría a moi admirable función pública que gobernos e subvencionadas terminais mediáticas tentan desprestixiar: un suicidio e un luxo que o país non pode permitir. Unha eficaz función pública é o espiñazo do estado moderno e democrático. Fóra dela só hai medo, obediencia debida, lacaios e redes caciquís das que temos cerca ampla mostra.

20.000 asesores son moitos e revelan un país de estructuras repetidas e hipertrofiadas. 60.000 coches oficiais son malgasto inasumible para un país cunha reivindicación urxente: a política debe apearse do coche oficial e o goberno ten que estar máis cerca dos cidadáns que dos Mercados.

Ante o escándalo de tantos miles de asesores e decenas de miles de coches oficiais, e posto diante da tesitura de ter que tomar medidas, o goberno xa decidíu: hai que suprimir ambulancias.

Comentarios