A ambición e o saco

Sabido é que os días de verán non só traen optimismo, descanso e diversión, senón tamén, para moitos, unha fogaza debaixo do brazo. A chegada de visitantes enche areais e outros espazos turísticos deixando ao seu paso beneficios por veces elevados, xerados moitos deles á sombra do formigón e dunha burbulla inmobiliaria que segue a flotar no aire como pompa de xabón. Nos últimos anos, as industrias derivadas do turismo coñeceron cambios importantes no relativo ao crecemento, á (aínda deficiente) profesionalización e á diversificación. A recuperación dalgúns cascos históricos, a aposta polo turismo rural e balneario, ou a creación de innumerábeis festas populares, en ocasións tan insólitas como concorridas, son unha boa mostra destas transformacións. Unhas e outras actividades constitúen unha fonte de riqueza que espertou instintos básicos e unha sede insaciábel de beneficios a curto prazo.

A afluencia de visitantes distorsiona a miúdo o aspecto das poboacións, reborda capacidades, ridiculiza infraestruturas e altera os ritmos da vida cotiá impoñendo o das actividades lúdicas e vacacionais. Deste xeito, as ringleiras de coches que se estenden polos accesos ás praias e arredores acaban atrapando tamén as persoas obrigadas a percorrer tales camiños por motivos varios, e que talvez ao chegaren ao restaurante habitual atopen a súa cadeira ocupada e o menú do día substituído por unha suculenta carta. Son as rendas dun negocio do que moitos forman parte mentres que outros, alleos, volven os ollos con indiferenza.

A superpoboación estival recibida con entusiasmo polo sector chega no entanto a converterse nalgúns casos nunha masificación incómoda por máis que igualmente rendíbel. Algunhas apostas tanto públicas como privadas favoreceron un turismo a granel que inunda por igual as rúas compostelás e a hostalería da costa. Trátase dunha filosofía na que prima a cantidade sobre a calidade e que bota man a miúdo de tópicos identitario-gastronómicos para a captación da súa clientela. A aposta por un turismo de masas que podería acabar albergándose nos bloques de cemento que exhibe unha boa parte do noso litoral dificulta por veces outro tipo de actividade e rompe o encantamento de lugares fermosos de seu. Á incomodidade ocasionada pola explotación dun turismo industrial cómpre engadir aínda a actitude dalgúns responsábeis de negocios que, cegados por unha ambición que case sempre rompe o saco, amorean clientes aos que infrinxen agardas interminábeis, rebaixan a calidade da súa oferta e cometen abusos nos seus cobros. Unhas e outras actitudes fan ben pouco, ao meu entender, en favor da consolidación dun turismo de prestixio e ofrecen estampas ben afastadas desa Galicia paradisíaca que loce nos folletos publicitarios do ramo.

Comentarios