jueves. 04.06.2020 |
El tiempo
jueves. 04.06.2020
El tiempo

FICHA TÉCNICA

Ambición e igualdade

O libro de Osnos é un relato das tensións inherentes ao desenvolvemento chinés despois das manifestacións da Praza de Tiananmén. Deng Xiaoping, aquel líder...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

COMO A MAIOR parte de occidentais, eu non viaxei a China. A miña información sobre o xigante do mundo vén da lectura dos enormes clásicos chineses –por sorte xa traducidos ao español coa excepción do Romance dos tres reinos, que aínda agarda a un valente–, ensaios sobre o país e conversas con María Piñeiro, a rexente do portalón deste xornal.

Tanta lectura remata por darlle a un certa perspectiva sobre o escrito, xa que non do país en si mesmo. A barreira idiomática e cultural que ergue entre China e Europa é enorme e ten como consecuencia unha chea de libros que reflicten unha imaxe distorsionada polo etnocentrismo. A isto hai que sumar nas últimas décadas as interpretacións políticas ou politizadas do comunismo chinés e, en particular, da figura de Mao Zedong. E o lector incauto pode rematar igual na seria biografía de Short que na fantasía tecida por Jung Chang e Jon Halliday.

Poucos occidentais tiveron un acceso fondo á sociedade e á cultura chinesas e transmitiron unha visión que poda apaixonar ao lector. Entre eles destaca dende logo Evan Osnos, xornalista de The New Yorker, que durante anos elaborou para a revista unhas reportaxes reunidas posteriormente nun libro, China: la edad de la ambición, que recibiu o Premio Nacional de Ensaio dos Estados Unidos e agora traduce El Hombre del Tres, selo asociado a Malpaso e á súa característica edición: poderano distinguir nas librarías polas súas páxinas tinguidas de vermello.

O libro de Osnos é un relato das tensións inherentes ao desenvolvemento chinés despois das manifestacións da Praza de Tiananmén. Deng Xiaoping, aquel líder anano ao que os millennials nin coñecerán polo nome, abriu a porta a un modelo económico teoricamente mixto no que a produción medraría como nos países capitalistas pero a distribución correspondería ao modelo igualitario. Triunfou no primeiro e fracasou no segundo, segundo a imaxe que ofrece o autor.

Da súa man seguimos aos novos ricos chineses, uns magnates que lembran aos de calquera outro lugar, porque xa se sabe que todos os ricos do mundo son iguais pero os pobres sono cada un á súa maneira. Eles recollen o beneficio da conversión do país nunha sociedade esencialmente urbana. A descrición da tensión entre as aldeas, as cidades rurais e as megápoles é un dos elementos que unifica os reportaxes e dá unha imaxe máis clara do desafío chinés.

A colisión entre produción e non distribución produce tensión social e aí chocamos co segundo elemento chave da obra e a sociedade chinesa tal e como se ve en Europa: a falla de liberdades tal e como se entenden na ilustrada Europa. A loita chinesa pola liberdade de expresión está representada por Liu Xiaobo e Ai Weiwei. O primeiro recibiu un premio Nobel da Paz asociado a unha cadeira baleira: o goberno impediu que o recollese; o segundo, máis coñecido en Occidente pola súa faceta de artista e a súa peculiar imaxe –bandullo e longa barba branca– representa mesmo hoxe en día a disidencia. Pero hai outros como Han Han. Non ten grandes obras nin é un referente estético a figura do intelectual local... ou do non intelectual sequera. Un piloto de coches convertido nunha especie de Mañas chinés e paradoxalmente elevado a figura de culto por representar o nihilismo da mocidade ante as súas dificultades como perdedores –isto sóame– dun crecemento que chegou axiña de máis para eles.

E é que China está nunha idade de ambición pero enfróntase a loitas que poden quebrala: as relacionadas coa liberdade e a igualdade que Osnos describe nunhas crónicas de viaxe que ben poderían terse convertido nun fondo ensaio sobre cultura chinesa cun alcance aínda maior.

Ambición e igualdade
Comentarios