Domingo. 17.12.2017 |
El tiempo
Domingo. 17.12.2017
El tiempo

"COA LONGAMETRAXE TES QUE SABER QUE AO DAR O SALTO SE NON ACERTAS Á PRIMEIRA ESTÁS FODIDO"

Álvaro Gago: "O matriarcado en Galicia é un mito falso; as mulleres non teñen poder político ou social"

Álvaro Gago
Álvaro Gago
Nacido en Vigo en 1986, acaba de chegar da Seminci de Valladolid co recoñecemento de mellor curta para a súa cinta 'Matria'. De nai nacida en San Cibrao, sente predilección polos personaxes femininos nas súas historias, quizais porque cre nun cine comprometido e pensa nun futuro no que a igualdade sexa iso, máis que un soño.

O realizador vigués Álvaro Gago fíxose co galardón á mellor curtametraxe na pasada edición da Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci) coa peza Matria. Un filme protagonizado por Francisca Iglesias Bouzón, que narra un día na vida de Ramona, unha muller infeliz no traballo e na súa relación de parella, que busca consolo na súa filla e na súa neta. Lonxe de construír unha cinta sobre mulleres galegas, sobre a idea do matriarcado, Gago prentede derrubar esa idea, desmitificala, a través da humanización dos personaxes.

Supoño que todo un orgullo recibir o premio á mellor curta na Seminci, un festival con tanto prestixio no circuíto.

Con moita alegría, obviamente. Dándolle o mérito xusto. Alegre porque, mirando para o futuro, é un premio para axudarnos a mirar de cara á próxima película. Contentísimo de todos xeitos, pero sobre todo por iso, porque me vai permitir poder seguir traballando.

Acadou este galardón coa curta Matria, que é a historia dunha muller traballadora, loitadora. Non obstante, o obxetivo era derrubar o mito do matriarcado que existe en Galicia, non? Por que?

Bueno, porque é un mito falso, que está dentro de nós. Investigando un pouquiño máis eu empecei a cuestionarme esta realidade. Fixen un traballo de campo. A nivel humano estás en contacto con familias, con mulleres, sobre todo da costa... E logo tamén lendo libros. Hai un libro, Antropoloxía da muller galega, moi interesante. Moitas mulleres viñeron a Galicia a facer a súa tese doutoral precisamente sobre o matriarcado e topáronse con outra realidade. Si que é certo que se pode facer un matrilineal, sobre todo na costa, porque moitos homes tiveron que emigrar buscando un mellor futuro, e as mulleres quedaban aquí ao cargo da casa. Pero é unha cuestión moi particular, que se dá por necesidade. Pero en todo caso non ten que ver co matriarcado, cun maior poder político ou presenza social, aínda que haxa excepcións. Pero non é habitual. E Ramona, na película, responde a esta idea de muller forte, independente, que tira para adiante, que coida á súa familia, pero que confundimos erronamente coa idea de matriarcado.

No seu traballo sente unha especial atracción polos personaxes femininos? Pensa que teñen máis matices ou simplemente é algo que ten que ver coas propias vivencias personais?

Si, máis que nada ten que ver co contexto persoal no que me movo. Será coincidencia. Estou rodeado de mulleres ás que teño moita estima, mulleres que me inspiran para falar delas. E bueno, supoño que ademais da coincidencia me sinto moi próximo a elas en moitas cuestións. Así, inconscientemente, trato de darlle bola e arroxar un pouco de luz sobre temas que teñen que ver coa muller e que poden axudar á consecución da igualdade de xénero, que penso que é o futuro. Representa o futuro. A través desa loita se pode loitar tamén pola liberdade. Para min é unha loita que está por vir e que me atrae moito contribuír no que poida.

Así que concibe o cine como un compromiso.

Si, totalmente. O cine ten que ter un compoñente de compromiso social. Non son exemplo de nada, nin me quero posicionar como tal. Só quero contribuír.

Nese compromiso, ten unha querencia polas historias locais. Igual como camiño cara ao universal?

Si. É difícil pensar noutro camiño, porque é a realidade que coñezo. É do que me atrevo a falar. Non sei, non me atrevo a facer algo diferente por agora.

Como películas de acción?

(Risos) Non, definitivamente non é o caso.

A súa traxectoria iniciada aquí completouna en Londres. Serviulle a experiencia para atopar algo que faltase en Galicia ou non?

Bueno, si. Iso depende de cada un. No meu caso era un rapaz bastante inmaduro e vivía nunha burbulla de confort. Saír aportoume independencia, ter que enfrontarme a situacións menos benevolentes cun mesmo, coñecer un novo idioma... Non quero tampouco que soe como que foi durísimo (risos). E xa especificamente no relativo ao cine, puiden coñecer a moitas persoas coas que hoxe en día traballo. Iso é o máis importante. Fóra atopei xente da que aprendín moito.

Álvaro Gago: "O matriarcado en Galicia é un mito falso; as mulleres...
Comentarios