Alumnos do IES de Becerreá serán pregoeiros nas festas de San Xoán

O Concello distingue con este xesto os gañadores da liga de debate Parlamento Xove ►O instituto premia o labor de Abrente e do Club de Fútbol de Becerreá pola cultura e a lingua
Os participantes no concurso Parlamento Xove foron recibidos no concello de Becerreá polo alcalde
photo_camera Os participantes no concurso Parlamento Xove foron recibidos no concello de Becerreá polo alcalde

Os alumnos do IES de Becerreá que participaron na liga de debate Parlamento Xove serán os pregoeiros das festas de San Xoán de Becerreá. O Concello quere distinguir deste xeito o traballo dos rapaces, que gañaron tanto na categoría de Eso como na de bacharelato, onde tamén conseguiron o segundo posto.

Os estudantes foron recibidos polo alcalde, Manuel Martínez, e por outros membros da corporación, que lles entregaron unha medalla do Concello de Becerreá e lles agradeceron o seu traballo para dar a coñecer a comarca a través dos seus logros. Os dous equipos de debate de bacharelato e o de Eso superaron a medio cento de toda Galicia e situaron a Becerreá no máis alto do podio.

A oratoria que lles trouxo tantos éxitos será a súa mellor aliada o vindeiro 23 de xuño, ás 21.30 horas na Praza do Concello, cando falarán para os seus veciños. Ante o público máis esixente, pero tamén o máis entregado, os mozos demostrarán por que colleitan éxitos ano tras ano nas ligas de debate.

Pero non só reciben galardóns, senón que o IES de Becerreá tamén recoñece o traballo doutros colectivos, neste caso en favor da lingua e da cultura galegas. Con este obxectivo, convoca cada ano un premio no que distingue tanto agrupacións como iniciativas privadas. Nesta edición, os gañadores son a asociación cultural Abrente, das Nogais, e o Club de Fútbol Becerreá.

O xurado, composto por profesores, alumnos e un representante dos pais, distinguiu a Abrente no apartado de asociacións culturais. Destaca a súa oferta de actividades para a mocidade como "xeito de socialización" e a implicación na recuperación de tradicións da zona a través da súa escola de música e baile. Valoran especialmente o seu labor de investigación etnográfica para recuperar vestimenta, músicas e bailes, ademais de celebracións propias da zona, como os maios.

Sobre o Club de Fútbol de Becerreá, o xurado destaca que "desenvolve toda a súa actividade en lingua galega", tanto na relación directa como na cartelería e nas redes sociais. Valoran este feito pola importancia que ten a normalización da lingua galega "nun ámbito tan atractivo para a mocidade como é o do deporte".

Destacan tamén a oportunidade que ofrece o club para que os rapaces de toda a comarca practiquen deporte, polo que o consideran unha referencia nos Ancares.

Comentarios