Alonso Montero dice que Castelao fue un ''marxista intuitivo''

Manuel Bragado e Alonso Montero, onte en Sargadelos (Foto: Xesús Ponte)
photo_camera Manuel Bragado e Alonso Montero, onte en Sargadelos (Foto: Xesús Ponte)

Xesús Alonso Montero, un dos maiores expertos na historia da cultura galega, asegurou onte en Lugo que «Castelao era un marxista intuitivo». A referencia efectuona no marco da presentación do seu ensaio ‘Castelao na Unión Soviética en 1938’, nun acto celebrado na galería Sargadelos de Lugo e no que estivo escudado polo seu editor, Manuel Bragado, director de Xerais.

Alonso Montero advertiu de que todo o seu material para construír as 216 páxinas era a noticia, breve e difusa, de que o intelectual de Rianxo formara parte dunha delegación de 25 representantes do Frente Popular que acudiron para representar «a España, un país en loita contra o fascismo na celebración do Primeiro de Maio en Moscú». Logo de enunciar o motivo oficial, o profesor tensou os beizos nunha sorrisa retranqueira e soltou: «En realidade, foron aplaudir».

A seguir, sen deixar de remarcar que «soamente había tres comunistas na delegación», retomou a solemnidade para apuntar que «Negrín, que gobernaba daquela, tiña moito coidado nas súas relacións cos rusos, que subministraban armas aos republicanos». A comisión que enviou para amosar o seu agradecemento a Stalin «ía dende heroes de guerra a catedráticos da universidade», pasando por persoas adscritas ás diferentes correntes da formación gobernante.

O catedrático de Literatura non se permitiu obviar que Alfonso Castelao «estaba lonxe do comunismo, mesmo militaba nun partido de dereitas e asistía a misa», pero ubícao coma «marxista intuitivo».

Partindo dese concepto do seu biografado como protocomunista, sentou a base «da súa sensibilidade para o sufrimento popular». Esa empatía cos pobres do país fornecía a Castelao dunha estensa popularidade, «grazas ás viñetas que publicaba no xornal e que lle achegaban moitos votos de persoas que non eran galeguistas».

Esa faceta de debuxante é a que o político nacionalista entende que debe presentar cando parte para Moscú nas vésperas da gran celebración laboral. Mete na maleta as carpetas coas vinte estampas de ‘Atila en Galiza’ e de ‘Galicia mártir’, así como a decena do que posteriormente sería ‘Milicianos’.

As autoridades soviéticas aceptan a proposta e mesmo a potencian cedéndolle unha sala do Museo de Arte Occidental Moderna, de Moscú, onde experimenta entusiasmo polo recibimento. A maiores, ocúpanse de amosar o mellor de si mesmos ao visitante nacionalista convidándoo a Bakú, a capital de Azerbaián «onde pode ver como se soluciona no ensino o problema de ter catro linguas».

A esas experiencias suma outras alentadoras para os miserables que percibe nos percorridos pola capital da Unión de Repúblicas Soviéticas. Asemade, «non menciona as purgas estalinistas; en parte porque non as coñece e en parte por un acordo tácito cos outros membros da delegación de non falar sobre certos aspectos da URSS». Ese balance empúxao a albiscar que «serán os milicianos analfabetos que loitan contra os señoritos os que gañen a Guerra Civil, como conta nunha carta escrita en marzo de 1939», indica o ensaísta. Como consecuencia dese convencemento, «Castelao sabe que vai vir unha república máis avanzada ca do Frente Popular e, por iso, escribe na revista Nova Galicia, para os comunistas internacionalistas».

Con esta presentación, Alonso Montero cumpriu o seu rito anual de presentar un ensaio en Lugo non sen antes gozar dun chocolate en Madarro.

Comentarios