Os alumnos do CPI de Cervantes, galardoados

Alonso Montero defende os valores do Quixote fronte á corrupción actual

Analizou en Cervantes a vida política desde o idealismo quixotesco e a honradez de Sancho
Xesús Alonso Montero chegando ao salón de actos acompañado polo alcalde de Cervantes
photo_camera Xesús Alonso Montero chegando ao salón de actos acompañado polo alcalde de Cervantes

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, presentouse este xoves en Cervantes armado coa tolería do Quixote, para dicir verdades a quen teña que oílas, e coa humildade de Sancho, para mirar ao seu redor cos pés na terra.

Alonso Montero ofreceu unha conferencia para celebrar o Día do Libro, nos actos organizados polo Concello de Cervantes, e non deixou indiferente a ninguén. Nun salón repleto de cargos políticos de todas as cores, pasou a actualidade pola peneira dos valores do Quixote e concluíu que a loita dos bos e xenerosos do tempo de Miguel de Cervantes segue sendo necesaria.

O presidente da RAG analizou a figura do Quixote, "un home que parecía tolo e que dicía a verdade, porque os normais non a dicimos por medo", e pediu "respecto para o tolo", porque nos seus delirios defendía os pobres e desvalidos fronte os soberbios e prepotentes, "un idealista, un loitador social que cometía erros de método, pero cun ideario que aplaudimos".

 "Se as palabras de Sancho estivesen máis presentes non existirían tipos como Soria"



Os erros de método eran evidentes –un cabalo fraco, unha lanza e un escudo no tempo dos exércitos, unha confianza inocente no bo corazón da xente...–, pero non o disuadían da súa loita social, unha actitude que denominou ‘quixotismo’ e que definiu como "un crer que entraña un facer acorde con ese crer". 

No lado oposto situou o Palomeque, un venteiro que identificou cunha grande parte da sociedade actual, que non actúa conforme as súas crenzas, que claudica ante o poder por interese e prospera coa adulación. Alonso Montero preguntouse cantos Quixotes e cantos Palomeques haberá nas Cortes actuais. E non foi a única crítica política. Lembrou que Sancho foi gobernador dunha ínsula, vítima dunha farsa, pero que desde a súa humildade logrou resolver problemas complicados, ata que descubriu a burla e decidiu renunciar ao cargo. Subliñou que Sancho chegou ao goberno pobre e foise igual, que tiña vontade de servizo público porque traballaba polo ben do pobo e que deu unha lección de honestidade ao renunciar ao poder aínda sabendo que volvería a pasar fame.

O presidente da RAG confesou que, cando preparou esta parte da conferencia, pensaba na demisión do ministro Soria por fraude e afirmou que "se as palabras de Sancho estivesen máis presentes non existirían tipos como Soria". Neste senso, criticou tamén a limitación do ensino de humanidades nos programas de estudos. "Queren que non se lea O Quixote e poñen uns monigotes na televisión", e pediu aos rapaces que reivindiquen o seu "dereito a pensar e a opinar sen utilizar a violencia".

Alonso Montero rematou a intervención co poema ‘O reino’, de Celso Emilio Ferreiro, inspirado no ideal de O Quixote, "un comunismo primitivo, unha sociedade na que non había que traballar, nin nada que xulgar e onde as palabras teu e meu non existían".

Comentarios