viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

A almoeda dos devotos e os festeiros

Na multitudinaria poxa de Pontoibo vendéronse produtos cárnicos, doces, ovos e ata animais
Na multitudinaria poxa de Pontoibo vendéronse produtos cárnicos, doces, ovos e ata animais
O barrio de Pontoibo, nas Pontes, celebrou un ano máis a súa tradicional poxa para recadar fondos para as festas do San Vicente

O barrio pontés de Pontoibo vestiuse un ano máis de gala para festexar o seu patrón, o San Vicente, e con el a tradicional poxa que suma varios séculos de historia, e que logrou reunir de novo a ducias de devotos e festeiros chegados dende distintos puntos do contorno.

Con esta almoeda, da que foron mestres de cerimonia José Vázquez Tojeiro ‘Camposa’, José Antonio Dopico e José Luis Ameneiro, a comisión de festas recadou fondos para sufragar as celebracións, que este ano contaron coa novidade de prolongarse durante tres xornadas.

Logo da misa dominical, o punto de encontro foi a carpa instalada para a ocasión no campo da festa, na que se desenvolveu unha poxa multitudinaria que durou algo máis de hora e media.

"O bo tempo axudou a que viñera moita xente. Este ano, ao igual que os anteriores, tivemos moitos produtos cedidos polos veciños, polos comercios locais e polos devotos ao santo", explicou Camposa, minutos antes de subirse ao escenario para comezar coa almoeda, un espectáculo do que colleu o relevou hai tres anos, e do que antes se encargaba Salustiano Ameneiro, que este ano non se deixou ver polo campo da festa.

Pese a non contar coa presenza deste ilustre veciño, a xente se mostrou animada e con ganas de pagar e participar. Algúns por axudar, outros moitos pola devoción ao San Vicente, e houbo quen decidiu soltar billetes por intentar conseguir un produto que se lle resistiu en anteriores edicións.

Este foi o caso de Luis Guerreiro, que sorprendeu a propios e estraños dando 67 euros por unha empanada. "Sabemos de que casa vén e que está boa. Ademais, hai que axudar para a festa", comentaba entre risas e mentres compartía cun grupo de amigos o saboroso e custoso manxar.

Esta non foi a única anécdota da xornada. Tamén houbo quen decidiu pagar 101 euros por un galo, 50 por un lacón e ata 86 por unha cacheira. O caso, comentaban os asistentes, era botar unha man. Por iso, cando os prezos se incrementaban, tamén ían en aumento os aplausos do público.

Outros asistentes, máis que por axudar, acoden a Pontoibo na procura de bos produtos da casa. "Veño todos os anos. Non perdo un. Sempre levo algo, porque todo ten unha calidade moi boa", explicou Eladio Roca, un veciño de Oleiros asiduo a esta poxa, que nesta ocasión apostou por mercar nove botes de mel caseiro e algo de carne de porco "a seis euros o quilo".

Sexa pola motivación que sexa, a poxa de Pontoibo, unha das poucas que aínda se manteñen vivas na volta, é sen dúbida unha festa única. Ogallá que teña continuidade no tempo e que as novas xeracións se impliquen como fixeron moitos outros veciños deste singular barrio pontés.

A almoeda dos devotos e os festeiros
Comentarios