Alimentos Lácteos: un novo fracaso?

O SECTOR lácteo galego necesita de proxectos industriais que consoliden o seu liderado na produción de leite, cuxo progreso nas últimas tres décadas foi moi importante, duplicando a produción comercializada, malia as dificultades impostas polas cotas. Pola contra a capacidade de procesado creceu a un ritmo inferior á produción, de modo que unha cuarta parte dela é transformada fóra de Galicia, sen xerar aquí nin valor, nin emprego. Ademais as crises que afectaron a varios dos nosos principais grupos lácteos tiveron en tódolos casos unha mala solución ao quedar integrados como meras sucursais produtivas dentro dou- tros grupos, perdendo así a súa capacidade autónoma de desenvolvemento, de diversificación e de adaptación aos cambios no mercado.

A actual crise de Alimentos Lácteos pode resultar nun novo fracaso que engadir aos anteriores. O problema non está nas instalacións, que teñen unha boa funcionalidade e unha elevada capacidade de procesado, senón que se atopa nos erros cometidos na súa constitución e no seu plan de negocio, cuestións ambas que aínda poderían ser emendadas. Parte da responsabilidade foi no seu momento da Xunta, que alentou a constitución dunha empresa cunha base social reducida, cando puideron constituíla un grupo máis amplo de cooperativas, como se denunciou no seu momento, que permitise sacar vantaxe da elevada capacidade de procesado das instalacións. Eses erros na constitución, xunto con outros na súa xestión, levaron á empresa a unha situación límite para a súa supervivencia en pouco máis de dous anos de funcionamento.

Pero aínda é posible reorientar a solución da crise na dirección que debera tomar desde o comezo: ampliando a base social, cun plan de empresa ben deseñado e un financiamento adecuado. O goberno Feijóo non pode quedar á marxe da solución coma se non tivese ningunha responsabilidade, xa que axudou a creala de modo erróneo, e probablemente partidista, e ademais foi comprometendo recursos públicos adicionais. A solución máis razoable para os intereses xerais debería pasar por un acordo de integración co grupo Acolat, formado por varias cooperativas lácteas que están xestionando as antigas instalacións de Clesa en Caldas de Reis. Esa integración aportaría unha capacidade industrial complementaria na produción de elaborados lácteos e de leite envasada. As outras solucións que se apuntan poden comprometer novos recursos públicos en proxectos de capacidade e viabilidade moi limitadas.

Comentarios