lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

Alicia

Dinos a poeta Olalla Cociña dende o Libro de Alicia: ''nunca agardou. sabía que a soidade da derrota é unha torre de almafí/ a onde te envían en agarimoso exilio/ e por máis que porfiase en enrestrar cabelos/ memorizar pregarias/ dar voltas e máis voltas no descoidado xardín/ ninguén a crería cando falase do tesouro, das cordas, do rescate''.

Adoitamos acumular derrotas, crisantemos para lápidas de cemiterios grises que nos saúdan con ira dende as páxinas de sucesos. Á muller outórgasenos un día no calendario para as nosas mortas.

O 8 de marzo é o día da muller traballadora! advirte a efeméride. Pero sempre conmemoramos as ausentes, as escravas, as silenciadas.

Xulia Aranda ofrécenos dende Inédito, o espazo fotográfico coordenado por Manuel Sendón, a súa serie fotográfica Burkas. Nela vén a labazada da incomodidade como beleza, a estética como cárcere, a lycra das medias que estilizan convertidas en burkas que afogan.

Contra a imposición e os epitafios xorden centos, milleiros de Alicias coma a de Olalla Cociña quen berra como vinganza, como desexo, como esperanza: ''o horizonte está en ti. Non existe continente ningún que te conteña''. Ninguén, efectivamente, nos crerá cando falemos do tesouro, das cordas, do rescate.

Alicia
Comentarios