Algo sobra, decidamos que

O PROXECTO de lei que leva o altisonante nome de racionalización e sostibilidade da administración local, ou sexa, a reforma dos concellos, non foi ben recibida pola oposición e incluso hai voces críticas no partido que emprende este profundo cambio, por moito que se esforce en incidir en que a pretensión derradeira sexa a de mellorar a oferta de servizos. Esta é a chave de todo, a eficiencia, que se consiga mellor rendemento con menos recursos, que os cidadáns teñan máis beneficios. Se os veciños aprecian que unindo concellos vivirán mellor aceptarano, se entenden que se a partir de agora van ter máis proveito grazas a que as atribucións pasan ás deputacións non o rexeitarán. Pero esa política comunicativa do goberno aínda non funciona, e así colleita máis oposición que apoio. Tamén pode ser que careza de argumentos, pero algo sobra, ou moitos concellos ou as deputacións. Ou as dúas cousas.

Comentarios