Alfonso Zarauza, director e guionista: 'As curtas foron a miña escola'

Durante tres anos, Alfonso Zarauza (Santiago, 1973) preparou a súa ópera prima en silencio, mentres traballaba nos guións de novos proxectos da produtora madrileña Iroko, empresa da que é socio. A súa traxectoria sinálao como pai de cinco curtametraxes, videoclips de éxitos de Radiolé, spots de publicidade e 'making of' de películas.

A rodaxe comeza hoxe luns en Santiago, e haberá que esperar aos primeiros meses do 2008 para descubrir un posible director revelación nas salas de cine.

PREGUNTA: As súas curtas anteriores, pódense considerar ensaios para 'A noite que deixou de chover'?

RESPOSTA: Si, foi unha aprendizaxe. Empecei hai case 12 anos a facer curtametraxes, era moi noviño. Con 20 anos xa facía curtas algo máis profesionais. Con Luís Tosar fixen tres curtas nos anos 90 e para min foi a miña escola porque daquela en Galicia non existían case nin as escolas de cine. Deixei a carreira de Dereito para facer curtas sen saber moito, lendo libros, e as primeiras eran perralleiras.

P: Antes facer curtas era unha aventura más solitaria...

R: Si, antes eras un marciano, facer unha curtametraxe era algo moi raro, non estaba nin sequera de moda, era unha cousa moi complicada, tiñas que traelo todo de fóra... Agora aquí hai de todo, hai centos de curtametraxistas, hai centos de materiais, hai xente preparada en todos os departamentos... Pódese facer cine profesional en Galicia con equipo técnico galego, actores galegos, películas enteiramente galegas. Daquela era unha utopía.

P: Nos últimos anos proliferan as curtas, pero a cantidade ten que ver coa calidade?

R: Si, é unha barbaridade marabillosa. Penso que non é cuestión tanto de calidade, senón que de aí vai saír unha canteira de novos directores, novos técnicos, novos actores, dos que algúns destacarán.

P: Proba desta canteira é que no seu caso, emprega na súa primeira longa o equipo que o acompañou naquelas primeiras curtas...

R: Si, si, teño como cinco ou seis actores que empezaron comigo: Camila Bossa, Roberto 'Luna' Sánchez, César Martínez 'Goldi'... daquela eles tiñan "vintepico" anos e eu era aínda un pimpín. Unha das primeiras curtas de Luís Tosar as fixo comigo no ano 94, el tiña 23 anos, e eu tiña 20.

P: O reencontrarse nesta película é unha mostra de gratitude mutua?

R: Si, de aprezo e de gratitude... Todos nos formamos nestas curtametraxes, xunto con outros como Jorge Coira. Eramos cinco ou seis os que faciamos curtas aquí, e todos somos amigos. Agora comezamos a dar o salto á longametraxe todos, tanto Jorge Coira, con 'O ano da carracha', como Ángel de la Cruz con 'Os mortos van ás presas', que se rodará este ano. Ao final todos emerxemos.

P: A meirande parte das súas curtas xa transcurrían de noite, que ocorre pola noite que tanto lle atrae?

R: Vivo moito de noite, entón sempre me pareceu máis interesante o mundo da noite có de día. Ten un punto decadente, sórdido, e ao mesmo tempo, divertido. O día é máis anodino, máis aburrido. Gústame máis o mundo da noite. Pero non é consciente.

P: Gústanlle os retos, porque rodar de noite terá os seus inconvenientes...

R: É unha rodaxe moi complicada tecnicamente por unha chea de razóns. De noite hai que iluminar moitísimo, e ademais a película comeza e remata chovendo. Son case dúas semanas de choiva que hai que traer, que manda carallo, ter que facer a choiva artificial en Santiago!

P: Nos tres anos que leva preparando a película, algunha vez tivo a impresión de que se ía ir abaixo?

R: Non, eu sempre fun bastante constante e tiven bastante claro que sairía adiante. Eu traballo en Iroko, onde xa fixemos catro longametraxes, e sei o complicado que é, pero se traballas moito o guión e o guión vale a pena e con ese guión consigues bos actores, o proxecto vai ir para arriba. E así foi, pero detrás hai moito traballo e moito esforzo. A un actor só o podes engatusar cun bo guión e un bo personaxe. Esa era a miña única baza como director novel.

P: Bobette Buster, que traballa con Steven Spielberg e George Lucas, asesorouno no guión, é unha garantía de éxito?

R: Non, é unha asesora moi boa, que di cousas moi interesantes e outras ás que lles fago menos caso, porque penso que desvirtuarían o proxecto. Leva 40 anos escribindo e analizando guións de películas en Estados Unidos e é unha institución. Estiven 15 días traballando con ela en Los Ángeles e aportoume moitas cousas boas. É un afortalamento maior para o proxecto.

P: A película xa vén cun pan baixo o brazo, co premio que obtivo no Festival de Cine Latino de Los Ángeles.

R: Si, foi unha sorte, terminou de animar aos que tiñan algunha dúbida, porque é unha película arriscada, non é unha película fácil nin comercial.

P: Nota a presión do principiante?

R: Non, estou bastante tranquilo, porque estou ben arroupado, cun equipo que confía moito en min e eu moito neles. Teño a preocupación do incertidume, de non saber se vai chover o día que non debe chover, que caian as localizacións...

P: A súa proposta terá que ver co cine europeo e o cine independente norteamericano, segundo sinalou na síntese do proxecto, cales son os seus referentes?

R: Gústame moito tipo de cine e moitos directores, dende Wong Kar Wai a Jim Jarmusch, pero para facer cine a miña inspiración son os directores que crean mundos propios, como Federico Fellini ou como Emir Kusturica. Gústame ese tipo de cine e é o que quero facer. Pero para chegar a facelo hai que ser moi bo, e non sei se darei a talla.

P: Cre que o cine que se fai aquí ten un modelo tan definido como no seu caso, ou cre que vai a tentas?

R: Penso que ata o de agora non se apostara moito pola nova fornada de directores xóvenes galegos, e penso que agora empezarán a saír cousas máis interesantes do que saíron ata agora. A xente que viña facendo cine en Galicia eran directores cunha certa idade, produtores das súas propias películas e que eran interesantes porque foron os pioneiros, os que instalaron as bases. Creo que ten que vir unha xeración nova, con forza e con novas historias que contar, que atrape o público, que conte historias auténticas, de aquí, pero cunha visión máis internacional, máis aberta.

P: Os seus personaxes, como 'La Rusa', teñen unha historia tráxica que ten que ver coa sociedade actual...

R: Si, aínda que o meu referente non é o cine social, interésame sacar cousas da realidade. Ás veces son máis crudas, e ás veces menos, pero non se trata dunha película de crítica social, aínda que hai unha crítica implícita. Intento contar unha historia que faga rir e chorar.

P: O de rodar aquí é un empeño seu?

R: Si, penso que hai que empezar contando as historias que coñeces máis de preto. Tiña a necesidade de empezar a contar unha historia en Compostela, porque son de aquí e vivín aquí ata os 22 ou 23 anos, e gústame a cidade, síntome de aquí.

P: Polo seu traballo, ten que ler moitos guións, como anda o nivel?

R: De cada 100 guións que chegan á produtora, 99 son horrorosos, e o que non é horroroso é co que empezas a traballar, e é un proceso longo. O ano pasado fixemos 'El hombre de arena', que se estrea dentro dun mes. Ese guión collino hai cinco anos, estiven catro anos traballando co guionista, facendo versións, e cando se empeza a rodar e como un fillo que marcha de casa.

P: De que adoecen os guións?

R: De guionistas profesionais, que queiran ser guionistas e que conten historias ben contadas. Faltan bos guionistas.

P: Falta risco?

R: Si, é que a maioría dos guionistas non son guionistas normalmente, senón directores que escriben as súas propias historias. Se son xenios, son grandes guións, pero se non, son mediocres, e teñen moitas taras técnicas.

Comentarios