Alfonso Fuente: "O PXOM traerá cambios, pero non no tocante ás licenzas"

O seu concello está pendente da tramitación dun Plan Xeral que suporá unha delimitación clara dos núcleos ► Ao mesmo tempo avisa de que todo que está construido con licenza non terá problema algún dende un punto de vista legal

DESPOIS DE lidiar con miles de problemas urbanísticos derivados da interpretación do que é ou non é solo urbano consolidado, agora o Concello de Barreiros tramita un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que, como todos os que se redactan agora, vai lento porque ten que salvar unha gran cantidade de tramitacións en administracións de todo tipo: dende Adif polo paso de Feve ó Ministerio de Medio Ambiente por todo o vencellado a costas, a Dirección Xeral do Patrimonio polo Camiño de Santiago ou mesmo a adecuación ó complexo Plan de Ordenación do Litoral. 

Cal é a idea xeral da que partiron para a redacción deste plan?
A nosa idea xeral é ir na liña, dentro dos distintos tipos de solo existentes desde un punto de vista de ordenamento urbanístico, adaptando os distintos tipos de núcleos a eles, pero acolléndonos máis que nada ás limitacións das distintas leis existentes, que establecen as medidas ás que se hai acoller. 

Eso traerá algúns cambios importantes.
Claro, por exemplo desaparecen os solos urbanizables. Os núcleos rurais hai que adaptalos á normativa. Fóra de aí o solo urbano que ao mellor antes permitía baixo máis dúas e cuberta nalgúns sitios igual agora se rebaixa porque está nunha zona xa consolidada con vivendas unifamiliares. Mantense como solo urbano, pero con esa restrición.  

Trátase, polo tanto, máis ben dunha cuestión de tipoloxía legal do solo.
O certo é que en todos os sitios onde están feitos edificios xa é solo urbano consolidado, como xa estaba estipulado, e nese campo non hai máis cambios importantes. 

Eso inclúe as licenzas que teñen concedidas.
As licenzas concedidas están dadas e non entran en discusión. O dos xulgados é outra cousa, porque a nivel de licencias non se está discutindo nada.Outra cousa é que o que se fai é mirar de que non quede nada fóra de ordenación, que aínda así pode pasar nalgún punto concreto. 

Neste momento, están moi limitados por todas as leis que teñen que cumprir?
Moitísimo. Ti colles a zona afectada polo Plan de Ordenación do Litoral, a de protección de Feve, a que afecta á Nacional 634, a protección mediambiental de todos os nosos ríos, a Rede Natura en San Miguel... Fóra de todo eso, o que che queda para traballar son fabas contadas. Núcleos tradicionais e algo de solo urbano pegado aos cascos que xa existen. 

Na zona sur produciranse moitas variacións?
O interior non sufre practicamente ningunha variación. Faise a delimitación dos núcleos, que basicamente son os que xa hai, e listo. Pero cadrar todo iso e obter todos os informes de todas as administracións implicadas, leva moitísimo tempo. 

Daralles máis seguridade xurídica no concello?
Administrativamente, en realidade, as normas subsidiarias non eran tan antigas, pero sempre se puxeron en cuestión porque o bum urbanístico veu de golpe. Tiñan algunha ambigüidade, pero poucas. Os problemas en Barreiros viñeron derivados só pola diferenciación entre solo urbano consolidado ou non, un concepto que naceu no 2002 e que tiñan que interpretar os técnicos municipais. O novo PXOM deixará eso totalmente aclarado. 

Dalles problemas o paso do Camiño de Santiago?
A verdade é que non. A xente xa sabe que hai que pedir os permisos e nótase que xenera vida. Os veciños danse conta de que se lle pode sacar partido.

Comentarios