Alfonso Blanco: ''Non é doado vivir unicamente da arte''

O padronés Alfonso Blanco Lorenzo alzouse co primeiro premio de escultura no certame de arte convocado polo Concello burelés, Galería Burela coa súa obra El niño que come todas las hamburguesas y bebe todas las coca colas, unha peza que a través de cores moi vivas e formas moi marcadas intenta amosar os excesos da actual sociedade consumista.

A arte é a súa forma de vida dende hai máis de dúas décadas, cando comezou a súa formación como escultor na escola de artes e oficios Mestre Mateo de Santiago. Posteriormente decidiu seguir coa súa incursión no mundo artístico e cursou a licenciatura de Belas Artes no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e, para abrir aínda máis os seus tentáculos como artista, fixo interpretación na escola dirixida por Carlos Neira, Espacio Abierto. Sen dúbida, una sólida base para realizar os máis variados proxectos entre os que se encontran, ademais das súas obras escultóricas, guións de teatro para a súa recén creada compañía teatral Lagrancosaverde e incursións no mundo da televisión e como humorista gráfico en diversas publicacións.

O certame de Galería Burela é o primeiro concurso que gaña?
De escultura si é o primeiro, aínda que no ano 2005 conseguín o segundo posto no certame Na vangarda 2005, convocado pola Xunta para descubrir novos valores, cun vídeo.

Que representa a obra coa que gañou o certame burelés?
Intentei plasmar a sociedade actual do consumismo na que estamos inmersos; o feito de que vivimos totalmente alleos ó noso corpo e dos trastornos alimentarios e as enfermidades que os excesos nos producen. En realidade, é unha mistura na que quixen falar da crise e da vida actual.

Que técnica empregou para realizala?
O primeiro modelado fíxeno en barro seguindo a antiga usanza e o remate final fíxeno con poliéster e fibra de vidro, que son materiais máis resistentes.

Alfonso Blanco, coa escultura gañadora (Foto: AMA)

En que se inspira para levar a cabo as súas obras?
Agora mesmo todas as pezas que fago están relacionadas cos guións que escribo para a compañía de teatro que formei o ano pasado. De feito, a obra gañadora está inspirada na peza Teño unha cacerola chea de lentellas. Levo dous anos nos que esta relación é a temática recurrente en todo o que esculpo, agora estou traballando en El famoso comiendo tejón, que está basada na obra Os famosos non comen tejón. En realidade, trátase dunha triloxía paralela de esculturas e guións teatrais ó redor da comida e das actitudes culinarias porque no fondo somos aquelo que comemos.

As técnicas que emprega tamén son recurrentes?
Neste aspecto probo cousas novas, aínda que modelo moito en barro porque me permite unha maior liberdade e podo improvisar de xeito máis doado que noutros materiais como poden ser a madeira ou a pedra. Despois esas pezas pásoas a fibra de vidro porque é un material máis resistente que aguanta mellor o paso do tempo. De tódolos xeitos no proceso de creación vas empregando distintos materiais e varías tamén de técnica.

Pódese encontrar na súa creación a influencia dalgún artista en concreto?
Ó estudiar Belas Artes e estar vinculado ó mundo da arte é inevitable ter influencias por tódolos lados e pasei por admirar distintos artistas en distintas etapas da miña vida. Non podes afirmar que segues a un determinado artista porque nun momento gústache un e despois evolucionas e cambias de idea.

É díficil vivir da arte?
Si, de xeito profesional si o é. Eu son artista profesional pero teño distintas vertentes, dende o teatro á escultura, das que vendo algunhas aínda que non moitas, e o humorismo gráfico, que me permiten traballar neste mundo e vivir del pero non é doado.

Comentarios