Alfonso Blanco destaca en Insua a "festa no comunal" das tascas do liño

A novena edición desta cita vilalbesa xirou en torno á musica tradicional nos fiadeiros
Alfonso Blanco le o pregón
photo_camera Alfonso Blanco le o pregón

"As tascas son escolas do noso ser. Sabedoría galega que harmoniza os traballos e a festa no comunal, na veciñanza". Así foi como definiu este traballo artesanal Alfonso Blanco Torrado no seu pregón para inaugurar a novena edición da Tasca do Liño de Insua, promovida pola asociación de mulleres San Bartolomeu desta parroquia vilalbesa e que foi todo un canto a aquelas tarefas de antano, á cultura que as envolvía, ás relacións humanas que supoñían e ao papel da muller.

Cun pregón cheo de incursións musicais, de cantigas e temas nos que o liño e as fiadeiras son protagonistas, Blanco fixo fincapé en que moitas cantigas de fiar "axudan a ir descubrindo o proceso do liño", ademais de gardar un enorme patrimonio cultural, o cal moitas xeracións de mulleres "agochadas no anonimato" se encargaron de coidar e de promover "este arquivo lírico que chega ata hoxe e que estamos festexando".

A continuación deuse paso a unha sentida mesa redonda, moderada polo alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, sobre a música tradicional e o liño. Nela, todos os relatores falaron da importancia deste tipo de festas para "crear identidade e comunidade" e para "manter vivo o rural".

O pedagogo e mestre de baile tradicional Alexandre Sotelino destacou que o traballo do liño "é rítmico e é traballar na comunidade", e recordou como os fiadeiros eran "unha escusa" para xuntarse, ademais "do momento das mulleres, que elixían se os homes podían entrar ou non".

Luciano Pérez, director da colección de instrumentos tradicionais da Deputación, tamén incidiu na importancia da recuperación de "música, instrumentos, oficios..." nun "país de minifundio no que só nos queda sumar".

O luthier e músico tradicional Xaneco Tubío pediu un maior apoio de toda a sociedade para conservar unhas iniciativas que "axudan a manter vivo o rural". Destacou tamén o papel da muller nestas citas a nivel musical, xa que coas pandeiretas "eran as que se poñían a tocar, compoñían coplas marabillosas e amenizaban o baile" para desfrute de todos.

Os relatores animaron ás mulleres de Insua a manifestar como se sentían coa celebración desta festa. Lourdes Otero, presidenta da asociación San Bartolomeu, recoñedeu sentir "satisfacción" por ata onde se chegou e dixo que se podería "progresar máis se tiveramos máis axuda dos homes, porque xuntos debéramos construír a convivencia e axudarnos uns aos outros".

A súa filla Míriam falou do "enriquecedora" que foi para ela esta experiencia, xa que lle permitiu ligarse "á nosa cultura e a ter uns vínculos que doutra maneira non tería". Expresou, ademais, emocionada o seu desexo de que todo o que se fixo "non morra".

ACTIVIDADES. A xornada contou tamén con varias demostracións da tasca do liño das mulleres de Insua e de fiado a cargo de Bolboreta Fiandeira e Cabanas Rural. Artesáns como Ramón Lledó e Marcos Ladra tamén mostraron o seu traballo.

Unha comida popular, as actuacións do grupo Cacharela e Pablo Carpinteiro e un conxuro da queimada completaron un amplo programa co que honrar a tradición.

Comentarios