Alerxias

UNHA vella macira floreada é, sen dúbida, un fermoso espectáculo que, ademais de alegrar a vista, axuda a erguer o ánimo de quen a contempla, en especial se ese alguén anda, como lle pasa a un servidor, nesa idade na que, de acordo coa clásica adiviña que a Esfinxe lle formulara a Edipo, logo comezará a serlle preciso un terceiro pé. A árbore, que de inverno presentaba o aspecto pouco lucido que corresponde nesa época a moitas plantas caducifolias, esplende agora nun relustro de cor e matices que prometen a continuidade dunha vida anovada cada primavera...

Nestas pretensiosas —e bastante ridículas— cavilacións andaba, cando non me foi posible evitar que o crecente proído que se me viña ao nariz acabase por se traducir nun escandaloso espirro que chamou a atención das outras tres persoas, dous homes e unha muller, que por alí estaban. «Alerxia?». Preguntou o máis novo, despois de me desexar saúde ao modo clásico. «Supoño que si», contestei non demasiado seguro, despois de lle dar as grazas, naturalmente. E aí comezou unha conversa na que cada quen facía por informar aos demais dos seus coñecementos sobre o tema, de remedios posibles e, sobre todo, da influencia da vida moderna nas causas dunha molestia a cada paso máis frecuente, ao parecer. Estiven a piques de dicir que, ben mirado, case pagaba a pena sufrir algunha destas incomodidades para ter oportunidade de se recrear coa fermosura da vella macira cargada de flor, pero comprendín que non é demasiado recomendable ir dar en semellantes ‘cursilerías’ por moito que sexa primavera, chíen os paxariños nos arredores e o ceo estea limpo de nubes.

E quen agora espirrou foi a señora que, algo afastada de nós, estaba atenta ao que escoitaba a través dos pequenos auriculares brancos que tiña colocados nas orellas. «Alerxia», volveu dicir convencido o home máis novo, despois de que todos lle desexásemos boa saúde. A muller sorriu para nós, agradeceunos os bos desexos e dixo que estaba escoitando na radio o que se falaba sobre corrupción, xuízos e primas de empresa para os xefes de Telefónica que están dispostos a deixar a seis mil traballadores no paro.

«Non creo que o desta señora sexa alerxia», dixo o home máis vello. «E logo, que é?», preguntamos a dúo. El deu á cabeza e, cun sorriso amargo, sentenciou: «Noxo!».

Comentarios