Alejandra Vázquez: "Na banda ningún músico cobra nin paga nada"

A banda de música de Vilalba, unha asociación con entidade propia, conmemorará este sábado as súas vodas de prata cun concerto no auditorio Carmen Estévez da capital chairega. Será ás 20.00 horas, con entrada gratuíta, e polo escenario pasarán gran parte dos case 200 músicos que integraron esta formación ao longo do tempo.
Alejandra Vázquez, co clarinete, no local da banda
photo_camera Alejandra Vázquez, co clarinete, no local da banda

É a presidenta , dende maio e por segunda vez, da banda de música de Vilalba, unha asociación que conmemora este sábado o seu 25 aniversario. Alejandra Vázquez, Jana, fala do que xa é unha institución que marca dende hai décadas a banda sonora da capital chairega.

Que balance fai destes anos?

O balance é positivo. O obxectivo da banda é que todos o pasemos ben ao mesmo tempo que desfrutamos dunha afección común. A convivencia é o principal.

Mantense ou o interese decae entre as novas xeracións?

Na banda sempre hai un proceso cíclico. Os músicos empezan con nove anos, cando aprenden música, moitos no conservatorio, e marchan cando van á universidade. Pero non marchan de todo. A maioría non perden o contacto e volven á banda as fins de semana e para as actuacións. E cando acaban os estudos hai dúas vertentes, os que estamos aquí e mantemos a banda e os que non poden porque están lonxe. Pero sempre é unha alegría xuntarnos os máximos posibles, polo Nadal, Santa Icía ou San Ramón.

É un dos obxectivos do concerto do sábado, reunir a actuais e antigos músicos.

A idea é xuntar os máximos. O concerto de aniversario debería ter sido na primavera, pero non puidemos por falta de tempo e decidimos celebralo agora tamén con Santa Icía, que é a patroa dos músicos.

No concerto tamén estará no escenario o coro coruñés Cántigas da Terra, que está a celebrar o seu centenario. É a primeira colaboración con eles?

En concerto conxunto si. Pareceunos moi interesante. Eles teñen un concerto adaptado para bandas de cancións populares galegas. E que mellor situación para a celebración que todos xuntos e con música da nosa terra? Aínda que a primeira canción será ‘Camiño de Rosas’, un pasodobre fóra do repertorio que foi unha das primeiras cancións que tocou a banda de Vilalba no concerto de presentación hai 25 anos, e estarán con nós antigos membros.

"Somos 40 músicos actualmente, dende os once anos do máis novo ata os 57 do máis veterano e resisten sete fundadores"

Cantos quedan daqueles que estiveron nese concerto?

A resistencia -ri- son sete.

E cantos músicos sodes?

Hoxe somos sobre 40 músicos, dende os once anos do máis novo ata os 57 do máis veterano.

Hai rexeneración?

Nutrímonos do conservatorio e dalgunhas escolas de música dos arredores e fixemos algún curso de iniciación. Tentamos manter algo de escola de música, pero non temos financiamento suficiente para facelo de forma regular.

O plano económico. A banda é gratuíta, que apoios ten?

É completamente gratuíta, co que garantimos o acceso á xente. A banda ten un convenio co Concello. Eles dannos uns 11.000 euros e nós fixamos varios concertos anuais: Semana Santa, Corpus, Certame Literario, San Ramón, con procesións e concertos, Nadal e a maiores un par de actuacións. Cobramos polas actuacións, a concellos e a outras institucións, e hai socios que colaboran con nós economicamente. Pero os concertos sempre son de balde.

Nunca pensastes nunha cota por socio ou músico?

Preferimos gratuíto porque o músico xa está doando o seu tempo, cos ensaios e as actuacións. Ningún músico paga nada e ningún cobra nada. É por amor á arte. Todos colaboran de forma desinteresada. O noso interese non é pagar por vir, senón vir para pasalo ben e compartir unha afección. Aínda que si temos algunhas axudas, como rebaixas na matrícula do conservatorio ou en traxes. Pero a banda non sempre dispón de cartos suficientes, todo o que se cobra se volve reverter na asociación.

"Ningún músico paga nada e ningún cobra tampouco. Todos colaboran de forma desinteresada. Isto é por amor á arte"

Gañaría sendo municipal?

Unha banda municipal depende máis do Concello, perderíanse liberdades. Aquí somos os músicos os que temos poder de decisión. A directiva está composta por músicos e todos sabemos as necesidades que hai na banda e tratamos de buscar axudas e apoios.

Cre que a banda está encorsetada? Nun estilo clásico? Para maiores?

A veces si está encorsetada e sempre intentamos adaptar o repertorio ao público. Poderíase chegar a case calquera escenario. En Pontevedra as bandas fan verbenas, pero é un extremo porque é necesario un traballo moi grande. Intentamos achegar a banda ao público. Nos últimos concertos de Nadal facemos bandas sonoras.

O FIV tamén foi un exemplo.

Saímos moi contentos. O público entregouse e é moi importante ver que a xente desfruta.

É difícil nun concerto habitual?

Si que se nota. Vese quen está prestando atención, a quen lle está gustando...

Hai folgos para outros 25 anos?

Folgos hai. A cuestión é que siga habendo xente para doar tempo. A música require tempo e estudo, e neste ritmo vertixinoso da sociedade non hai moito.

Cal é a maior necesidade da banda?

Comprar máis instrumental e animar a xente a tocar e a vernos, aínda que non podemos queixarnos, que temos un público fiel.

Proxectos a curto prazo?

Intentamos dar cabida a novos músicos para que fagan concertos, como co Ciclo de Novos Intérpretes, e gustarianos facer máis cursos. Tamén estamos barallando un intercambio cun pobo de Zaragoza.

Comentarios