Alejandra Eiras: ''Autores tan coñecidos como Noriega Varela, Vilar Ponte ou Leiras Pulpeiro estiveron en Foz''

Alejandra Eiras.
photo_camera Alejandra Eiras.

 Alejandra Eiras foi a segunda das conferenciantes das xornadas de historia que organiza a asociación A Pomba do Arco. Ela foi a encargada de falar sobre os escritores que residiron en Foz ou que tiveron parentesco co municipio e de explicar como influiu o pobo no conxunto das súas obras


A XORNALISTA focense Alejandra Eiras impartiu onte unha charla que levaba por nome ‘Os escritores de Foz 1850-1936’ que se enmarca dentro das xornadas de historia que organiza esta semana a asociación cultural A Pomba do Arco na casa da cultura de Foz. Estas xornadas son impartidas por investigadores e historiadores veciños do municipio, que axudan a explicar a historia focense dende diferentes ámbitos culturais.

Sobre que tratou a charla que impartiu onte?

Basicamente falei sobre aqueles autores, mestres e xornalistas que participaron activamente na vida de Foz no aspecto social e cultural. Algúns só pasaron unha pequena etapa da súa vida no municipio pero outros estiveron bastante tempo e foron moi prolíferos.

De cantos persoeiros estaríamos a falar?

Centreime en doce persoas. Os máis coñecidos deles son Noriega Varela; Vilar Ponte, o impulsor das Irmandades da Fala e Leiras Pulpeiro. Pero tamén houbo outros autores moi interesantes que non teñen a sona destes outros, como Francisco Lourido, un autor do Rexurdimento como Rosalía de Castro, que era da parroquia de Cangas de Foz. El marchou de emigrante a Cuba moi novo e escribiu alí en numerosas revistas culturais con artistas moi coñecidos.

A temática sobre a que escribían tiña certa vinculación con Foz.

Si, moitos escribiron en dúas revistas que había antes en Foz, El Automóvil e Guau Guau. Nelas narraban anécdotas do municipio, describían as praias, escribían sobre as festas que había naquel tempo, sobre as excursións e sobre aquelas amizades que tiñan. Houbo un grupo de catro escritores que se reunían na botica para debatir sobre diversos temas como de política, cultura, literatura.

Por que escolleu este período, do 1850-1936?

Sobre todo elixiuse porque dende os anos posteriores á Guerra Civil e ata actualidade hai moitos autores e persoas relacionadas coa cultura do concello de Foz. Neste período que se escolleu había menos persoeiros nos que centrarse e para unha charla de unha hora, axustábaseme mellor esta etapa.

Co inicio da Guerra Civil, algún destes autores tivo que parar de desenvolver a súa faceta como escritor ou tivo algún tipo de problema co réxime?

Dos nativos en Foz ningún. Pero Juan Cueto, aínda que non escribiu moito sobre Foz, foi coronel no bando republicano durante a guerra e morreu asasinado polo bando fascista.

Que opina deste tipo de xornadas que se imparten estes días en Foz?

Paréceme unha actividade moi interesante porque é moi importante recordar a nosa memoria. Animo a toda a xente de Foz e a todas as persoas que están pasando o verán no municipio a que se acheguen a estas conferencias. Permiten coñecer o que pasou en Foz e quen viviu nestas terras.

Como se informou para atopar todos os datos relativos ós autores nos que baseou a súa intervención?

Neste sentido, teño que agradecer á asociación cultural A Pomba do Arco a súa colaboracón, xa que me facilitou información sobre algúns autores sobre os cales non me resultaba fácil atopar datos. Eles xa tiñan recollida información para algún artigo que publicaron na revista Bolanda, xa que fixeron algunha edición na que se trataba este tema.

Participara algunha vez nestas xornadas históricas ou nalgún tipo de iniciativa destas características?

Non, porque eu rematei a carreira de Xornalismo fai dous anos e logo fixen un máster de Estudios Europeos e Dereitos Humanos, que non está moi relacionado con isto.Sen embargo, interésanme estes temas e gústanme moito, de feito non deixa de ser algo que está relacionado e que fixen, foi traballar de directora web do Consello Editorial de Humanidades da Universidad Pontificia de Salamanca.

Comentarios