Aldeas modernas

O medio rural galego, para ben ou para mal, está a sufrir unha transformación. Antes as aldeas eran lugares onde cada casa tiña as súas catro ou cinco vacas, a corte dos cochos, a eira chea de pitas, acompañadas de gatas paridas nos palleiros, e unha  banda sonora composta do ladrar dos cans. Todo isto está mudando cos anos, xa non hai tanta xente no medio rural que se adique á agricultura nin á gandería, agora a maioría está integrada no mundo laboral dos núcleos de población máis cercanos e os pobos máis pequenos seméllanse máis a urbanizacións americanas onde, anque a tecnoloxía continúa sendo rural (véxase o TRAC na telefonía e as lentas conexións a internet ofertadas), se ten acceso ás mesmas cousas que nas cidades.

E anque iso mude, estanse recuperando tradicións onde se promove a relación entre as persoas e a cooperación: volven as mallas, os magostos, as matanzas, revitalízanse os antroidos, recupérase o samaín…Actividades colectivas onde todos participan: dende os maiores ata os máis mozos.

Esta recuperación de tradicións chega ás zonas urbanas como oferta de ocio: pezas teatrais como Pan, licor café nos locais nocturnos, pandeiretas que se integran nas cancións de grupos como Fanny+Alexander ou Ataque Escampe…benvida esta recuperación de costumes que non ten por que estar en loita co ocio máis moderno e que se adapta aos tempos de hoxe.

Ao mesmo tempo ten que haber unha retroalimentación, descentralizar máis as actividades para que as grabacións de malleiras nos móviles e os botellóns non sexan as únicas actividades que teñan en común as vilas e cidades. Exemplos son o Festival de Poesía do Condado, as actividades das redes de distribución de teatro, música e danza do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais, iniciativas como os festivais de música Artenativa e Lolapop na súas primeiras edicións este ano ou o traballo da xente máis nova en facer as súas festas alternativas como a Festa das Flores ou  A Revoltosa.

En definitiva, hai que integrar esta Galicia dispersa e desigual porque temos unha tradición moi rica e un potencial de creación aínda maior e non vai ser na Cidade da Cultura onde aconteza a revolución, hai que prestarlle maior atención e darlle máis apoio ao extrarradio rural.

Comentarios