domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

A aldea recobrada

No extremo oriental do Parque Nacional de Peneda-Gerês de Portugal encóntrase a aldea trasmontana de Pitões das Júnias. Recomendo acceder a ela pola estrada que partindo da vila ourensá de Calvos de Randín, moi perto do territorio do onírico Couto Mixto, e cruzando o río Salas segue á aldea de Tourém, na que moitos fuxidos galegos se refuxiaron ao comezo da represión franquista, contando coa axuda do mestre de alí, Manuel Gonçalves Barros. Unha placa en galego isolacionista, pouco respectosa co pobo portugués e a súa cultura, posta pola Universidade de Vigo na antiga escola, lembra o solidario docente.

Logo de atravesar as rúas da curiosa poboación arraina de Tourém, ascéndese por unha empinada estrada de montaña deica os 1.200 metros de altitude nos que se sitúa a aldea granítica de Pitões, alén de remota, posibelmente a máis ancestral das portuguesas. Sitúase entre os elevados cumios da Serra do Barroso, nevados nesta época, coas súas casas de pedra características e demais construcións arquitectónicas populares. Os seus 150 habitantes, que aínda usan antigas capas de burel -feitas de la- nos duros invernos, viven da gandaría e da agricultura, producindo embutidos e xamóns curados nas lareiras das casas co fume de leña de carballo e urce de porco bísaro -reintroducido agora na Galiza coa denominación de celta-, excelente carne de vacún da raza barrosá e da cachena, e licores artesanais. Tamén unha veciña recolle no monte plantas medicinais que envasa e vende. Para evitar os ataques dos lobos ao gando contan con imponentes cans da raza autóctona portuguesa de Castro Laboreiro.

Desde esta aldea do Concello de Montalegre, pertencente á provincia lusa de Trás-os-Montes, pódense realizar roteiros a pé para ver as ruínas do seu mosteiro benedictino e unha fermosa e salvaxe fervenza, non sendo raro enxergar no ceo o vóo da aguia real. Mais o que me resultou máis interesante e sorprendente nestes pasados días do Entroido foi a convivencia cos seus cordiais moradores, nas rúas e nas súas dúas tabernas, e ver a conservación da vida tradicional de aldea, case xa perdida no territorio galego. En Pitões das Júnias aínda está en plena vixencia o comunitarismo nos traballos rurais e na celebración das festas. A xunta da parroquia ou freguesía organiza en plan case familiar o Entroido con diversos actos ao longo de catro xornadas na chamada praza do Eiró: actuación dos gaiteiros da localidade, fiadeiro, desfile, xantares, matanza do porco, feira de produtos típicos das casas, etc. Nestas festividades non hai nin masificacións turísticas nin mixtificacións propias. Respírase autenticidade e compróbase a estima dos moradores polas súas tradicións e cultura popular, case igual á dunha antiga aldea galega.

Na mesma rúa que leva á antiga Corte do Boi do Povo, na que se contruiu un museo sobre a historia e costumes da aldea, mantense un forno antiquísimo e comunal de pedra, no que se coce acotío pan de centeo para toda a aldea. Este riquísimo pan, xunto cos recoñecidos embutidos de fumeiro, o cocido á barrosá, o cabrito e o doce de abóbora con noces constitúen mostras da meritoria cociña trasmontana que se pratica nos dous restaurantes locais Casa do Preto e Dom Pedro.

Viaxar a Pitões das Júnias constitúe unha única e reconfortante experiencia de volta á natureza e á vida comunitaria de aldea.

A aldea recobrada
Comentarios