Alberto Gutiérrez Costeira

Ramos de flores en un camposanto. AEP
photo_camera Ramos de flores en un camposanto. AEP

Alberto Gutiérrez Costeira, da Casa Alberto do Xordo, de Liñeiras (A Pontenova) faleceu na mañanciña deste mércores no hospital Lucus Augusti, aos 92 anos de idade, acompañado polo seus fillos.

Alberto veu ao mundo e fixo parte da súa vida en Liñeiras, pero co tempo acabaríase trasladando coa súa muller, Celia, falecida hai uns anos, e os seus fillos, Uxío, Celia e Jorge, á parroquia de Crecente, na Pastoriza. Era por iso, e sobre todo polo oficio que desenvolveu durante toda a súa vida tras herdalo xa do seu pai, o de tratante de gando, un home coñecido moito máis aló deses lindes.

Poucas casas haberá en boa parte das comarcas da Terra Chá e da serra de Meira nas que Alberto non tivera posto o pé algunha vez na busca de trato, co seu sombreiro, a súa cachaba e a súa sabia retranca.

Formaba parte dunha xeración de tratantes dos que xa non quedan moitos, pero deixou nos seus fillos Uxío e Jorge o amor polo traballo e polo oficio. A eles acompañounos polas feiras ata que puido. A viaxe semanal a Santander formaba parte da súa relixión.

Hai anos que deixara o trato porque as pernas non lle respondían como debían e o corazón lle latía por veces desacompasado, pero o trato nunca o abandonou a el. Foi unha persoa lúcida e que se agarrou á vida ata o final.

A familia, en especial os seus netos, Martín, Borja, Adrián, David e Marco, foron o seu refuxio nos últimos anos nunha casa que lle gustaba ver chea de xente e que tiña as portas sempre abertas para acoller e para dar.

O seu corpo repousa no tanatorio Lourido, da Pontenova, e esta tarde será despedido no cemiterio de Vilaméa, a partir das catro e media. O domingo Alberto non estará, pero en Crecente non faltará un vermú por él.