Alberto Carballal: ''Con catro anos escapei da casa para ir pescar cun rabo de vasoira''

Como aprendeu a pescar?

Nacín en Meira, ó lado do Miño, e xa nacín coa afección. Con catro anos escapei da casa e co rabo dunha vasoira, un anaco de corda, un pouco sedela, un alfinete torcido atado na punta e unha miñoca marchei para o río e pillei unha troita duns 35 centímetros, á que lle collín tanto medo que chorei e todo. Meu tío tivo que axudarme a sacala e, ó chegar á casa, miña nai botoume unha boa bronca.

Cal foi a súa maior peza?

A troita máis gande foi unha de 3.960 gramos.

Que lugar prefire para pescar?

O Eo e o Rodil, dos Cangos á Ponte de Santa Comba e á Pasarela. Fóra do noso coto, gústame ir a Xinzo ou a Vilarmide, na Pontenova, e teño ido moito a Navia.

Que tipo de cebo prefire?

A cucharilla e a mosca, sempre artificial. O natural sacaríao.

Transmitiulle a afección pola pesca á familia?

O fillo, de pequeno era moi afeccionado e ía sempre comigo pero agora, ó medrar, ten outras ocupacións só vai de vez en cando.

Ten algunha outra afección ademais da pesca?

Actualmente non, por motivos de saúde, pero sempre me gustou moito a bicicleta e, cando era novo, o esquí. Teño esquiado bastante no Pirineo, en Baqueira Beret, Arán... Incluso lles dei clases de esquí ós militares.

Comentarios