Alberto Carballal: ''La central en el Eo sería un desastre que no se puede consentir''

O meirego Alberto Carballal exerceu de comercial, taxista e hostaleiro no bar Centro que hoxe rexenta a súa dona, tarefas das que sempre sacou tempo para ir coa cana ó río. Convencido da necesidade de incrementar a vixilancia e a limpeza dos cauces fluviais para recuperar a poboación piscícola, di que de facerse realidade a central hidoeléctrica no Eo sería o fin de Ribeira de Piquín. Por iso o clube deportivo Rodeo, que el preside, secundado por outros colectivos, amósase disposto a seguir «dando caña» para frear este cuestionado proxecto.

Como saltou a alarma sobre a central hidroeléctrica no río Eo?

Estaba pescando en Ribeira de Piquín cando un amigo me comentou que, no BOP do 17 de abril saía o proxecto. Falei co presidente do CIT da Pontenova e fomos consultado ó Concello de Ribeira de Piquín, onde revisamos o proxecto. Entendemos que non podiamos consentir esta barbaridade e comezamos a falar coa xente, con outros colectivos... Dende Ríos con Vida asesoráronnos sobre os pasos que tiñamos que dar, así que consultamos a varios técnicos e promovemos un informe moi completo sobre as vantaxes e desvantaxes, que son as que priman, deste proxecto, que se lle enviou á Confederación Hidrográfica do Cantábrico con outros estudos.

Cales son as consecuencias que tería a posta en marcha da central?

No informe están inventariadas unhas 200 especies que se verían perxudicadas, coma o cangrexo e o mexillón de río, a troita, a anguía..., ademais de diversas prantas e árbores. Esta zona forma parte da Rede Natura e da Reserva da Biosfera, con exemplos únicos de flora e fauna. As consecuencias non serían só a desaparición do caudal do río en case dez quilómetros, senón o forte impacto medioambiental que sufriría o contorno coas obras, a maquinaria, os desmontes... Sería un desastre que non se pode consentir, porque aquí case non hai veciños e o que chama ó turismo é a natureza, onde o río Eo é a nai de todo.

Cantos colectivos están unidos nas protestas contra o proxecto?

A Plataforma Salvemos o Eo está formada por unha decea de entidades, pero tamén contamos co apoio doutros colectivos, tanto desta zona coma de Monforte, Navia... e temos a todas as asociacións de pesca ó noso favor.

Que valoración fai da resposta da xente ante as súas mobilizacións?

Marabillosa. O 99% da xente é contraria ó proxecto e non só aquí. Por exemplo, no roteiro reivindicativo participou xente de Barcelona, Bilbao, Lugo... O apoio é constante, e só podemos agradecerllo a toda a xente que nos axudou e que segue a colaborar con nós.

Teñen previsto novos actos?

Estamos pendentes de convocar unha reunión da plataforma para decidir que máis se vai facer e agardando que nos dean algún tipo de resposta dende a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, onde xa presentamos unhas 3.000 sinaturas en contra do proxecto.

Cal é a postura do Concello e da Xunta ó respecto?

Temos todo o apoio do Concello e da Xunta non obtivemos unha resposta directa, pero na xuntanza que tivemos a semana pasada con representantes de Medio Ambiente díxosenos que pola súa parte tamén se emitiran informes contrarios ó proxecto. Polo que nos dixeron, a súa idea é reducir o número de centrais, non amplialo.

Canto tempo leva funcionando o clube Rodeo?

Fundámolo hai case 20 anos Juan La Torre, que daquela era médico en Ribeira de Piquín, e máis eu, e hoxe xa somos uns 120 socios de Galicia e de Asturias. O clube responsabilízase do coto de Ribeira de Piquín, que ten uns nove quilómetros do Eo e do Rodil, incluido un tramo de pesca sen morte de case un quilómetro. Hai 30 licenzas diarias, das que dez son gratuítas para os socios de Rodeo por colaborar na súa conservación.

Que actividades organizan?

Temos un concurso de pesca todos os anos a finais de abril, que remata cunha comida, e queremos facer un curso de montaxe, enfocado sobre todo ós rapaces, ós novos pescadores, ós que queremos educar na pesca sen morte. Tamén realizamos tarefas de limpeza no río para facilitar o paso dos troiteiros e mesmo do resto dos veciños, para que teñan un espazo para pasear o pé do río.

Que valoración fai da última campaña de pesca?

En Ribeira de Piquín houbo un aumento na pesca, creo que polas constantes riadas e o aumento de caudal, que limparon e fixeron areais moi bos para que a troita desove. Fai 20 anos que non se vía esta cría e, concretamente, no tramo de pesca sen morte aumentou un 200%.

Haberá novidades na próxima campaña?

Aínda non hai nada confirmado, pero quérese adaptar a campaña ó calendario nacional, polo que non comezaría ata o 1 de abril e pecharíase o 30 de xullo. Tamén se propuxo reducir o cupo de capturas e pasar de un a tres días sen pesca, sumándolle ó luns o martes e o xoves. Pola nosa parte, pedimos que se intensifique a vixilancia contra os furtivos e as tarefas de limpeza no cauce e nas marxes do río. A pesca recuperaríase un 50% en tres anos se se intensificasen.

Ribeira de Piquín ten unha piscifactoría importante, que diferencia ten unha troita doutra?

As troitas desta piscifactoría son moi boas, porque o responsable prepáralles a súa propia comida, sen piensos. É unha crianza máis natural e faina máis parecida a do río, pero coma esta non hai nada. A troita autóctona é unha preciosidade e distínguese perfectamente polas súas pintas, ata das procedentes das soltas. Esa é a troita boa e a que queremos conservar, e por iso non somos partidarios das soltas e preferimos os tramos de pesca sen morte para que as troitas poidan criar.

Evolucionou moito o mundo da pesca dende os seus inicios?

Moitísimo, en técnicas, artes e equipos. Antes as canas eran de cana e hoxe son de fibra de carbono. Por exemplo, eu teño unha estensible que pasa de 50 centímetros a nove metros e só pesa 130 gramos. Os carretes cambiaron do rodillo por doce rodamentos, das sedelas de tortuga verde pasouse a oturas case invisibles, hai anos era impensable vadear un río coas katiuskas e agora os traxes de neopreno cínguense ó corpo...

Comentarios